Comezaron as obras de reforma da rúa focega Limoeiros
Veñen de dar inicio ás obras de reforma da rúa Limoeiros con case 58.000 euros de orzamento con cargo ao Plan Único 2021 da Deputación, os traballos pódense dividir en dous tramos. As obras comezaron con tarefas de demolición entre Paco Maañón e a Congostra do Cura, onde a renovación será total, pasando de ser unha rúa con rego asfáltico e beirarrúas sen accesibilidade a unha plataforma única de formigón impreso ao mesmo nivel, con acceso limitado a residentes. Ademais, neste tramo disporase unha nova varanda de protección, un colector de pluviais de PVC para avanzar na rede separativa e renovarase o abastecemento e outras tubaxes onde sexa preciso. No tramo entre a Congostra do Cura e a Rúa do Porto mellorarase o firme con aglomerado en quente e disporase nova sinalización, nun viario que pasará a ser dun único sentido de circulación.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, móstrase satisfeito cunha obra moi demandada nunha rúa “á que lle facía moita falta. Estamos traballando por mellorar o viario municipal, no casco urbano e nas parroquias. Esta rúa, moi céntrica e utilizada, presentaba un deterioro moi importante. Estamos a primar os accesos peonís en cada obra que facemos, tal e como actuamos na rampla do asilo e como veremos nas beirarrúas ao cemiterio, na Costa do Castro, que comezará en pouquiños días”.
O rexedor municipal avanza que “queda moito traballo por facer, xa que as infraestruturas de Foz estaban moi deterioradas e a intención do Concello é poñernos ao día, facer pobo, que cada vez Foz -todo o territorio- sexa máis atractivo para as veciñas e veciños, máis cómodo para vivir”.
Fran Cajoto engade: “xa o fixemos no 2020, continuamos no 2021 e seguiremos no 2022, primando investimentos naquelas necesidades máis urxentes. Se lle fixeramos caso ás esixencias do Partido Popular non poderiamos acometer a reforma da rúa Limoeiros: no 2020 e no 2021 o voceiro do PP pedía que dedicáramos o Plan Único a axudas a fondo perdido. Sempre cremos que a mellor forma de axudar é o investimento: en eventos, en cultura, na mellora de servizos, na mellora de infraestruturas. Este ano 2022 o PP xa mudou o discurso, porque lle interesa. Nós seguimos, con seriedade e honestidade, co plan de goberno marcado. Do Plan Único do 2022 134.000 euros van destinados á mellora de distintas rúas da vila e 136.000 a viais en seis parroquias. Ademais con 49.000 euros de fondos do Agader e o IVE, que aportará o Concello, melloraremos dous viais no barrio do Chao, en Santa Cilla, e outro en Mourente San Martiño. Coas baixas das obras adxudicadas -que curiosamente e de forma inexplicable antes non existían- puidemos aglomerar a rúa da Báscula, o Camiño da Cadra e camiños en Vilaronte e en Nois, por exemplo. Seguiremos traballando nesta liña”.
O Concello de Foz pide desculpas a veciñas e veciños da rúa Limoeiros e a todos os usuarios dese vial polas molestias que se lles van causar durante a execución dos traballos.