Comezaron as obras da tirolina da Pontenova
A Pontenova está un pouco máis preto de contar coa tirolina de 330 metros de lonxitude e 50 metros de altura que unirá a mina Consuelo e o forno Boulloso.
Xa comezaron as obras da que será unha das tirolinas máis longas de Galicia e que contará cunha achega da Deputación de 300.000 euros para a súa construción.
O complexo histórico-recreativo da mina Consuelo-Boulloso será máis que un parque de aventuras. Está pensado para que as persoas vivan unha experiencia única, con encanto, un espazo para o lecer integrado na natureza e que aproveita o legado mineiro da vila para o goce dos visitantes dende múltiples puntos de vista: cultural, deportivo, educativo e recreativo.
A tirolina recrea o antigo funicular aéreo da mina e será un elemento máis dentro dun conxunto de actividades enlazadas entre si. Agárdase que sexa unha experiencia moi atractiva e que se construirá ata 50 metros por riba do chan e terá máis de 330 metros de lonxitude, sendo unha das tirolinas máis grandes de Galicia. Atravesará o río Turia, cruzando da ladeira da mina Consuelo ata a mina do Boulloso.
A espeleoloxía, xunto co sendeirismo, tamén serán outras das actividades que se fomentará no novo complexo.
“Penso que esta tirolina se vai consolidar como un referente do ocio activo e familiar na provincia, pero tamén fóra nas nosas fronteiras. Polo tanto, vai situar nun novo nivel á xa moi interesante oferta turística da Pontenova”, dixo o presidente da Deputación na súa visita á zona.
Concretou, así mesmo, que é “singular” pola súa localización, “xa que contribúe a recuperar para o ocio e o desfrute dos veciños e visitantes a ruta que facían as vagonetas con mineral das vellas minas da comarca. Deste xeito, unimos ocio e cultura, impulso do turismo e promoción da nosa historia”, afirmou Tomé Roca.