Comezaron as obras da nave de maquinaria na zona da Granda de San Pedro de Alfoz

AMariñaXa
Comezaron as obras de construción dunha nave almacén de maquinaria no concello mariñano de Alfoz na zona da Granda de San Pedro
Nave e estradas en Alfoz
24 Xuño 2021

Comezaron as obras de construción dunha nave almacén de maquinaria no concello mariñano de Alfoz, nas que a Deputación fai unha achega de 115.300 euros para esta nova edificación, que se levanta na Granda de San Pedro, xunto á piscina municipal e o colexio, mentres que o concello aporta 4.435 euros, dentro do convenio de colaboración asinado entre estas dúas institucións.

“Esta nave é moi necesaria porque agora mesmo a maquinaria municipal estase gardando ó aire libre, o que, ademais de expoñela a roubos, que xa se teñen producido, acelera o seu deterioro e provoca avarías que, de estar resgardada, non se producirían”, explicou o Presidente.

Ambos representantes asinaron unha addenda ó convenio de colaboración  entre Deputación e Concello que permitirá levar a cabo obras complementarias á construción deste almacén mellorando aínda máis a seguridade. Trátase dun acordo entre as institucións nas que se invisten 20.146 euros de remanentes para esta fin tras a solicitude no mes de maio.

O presidente tamén supervisou as estradas provinciais que están a ser melloradas con medios propios da Deputación. A LU-P-0202, de San Acisclo a Oiras, foi rexenerada en 8 quilómetros de vía con rego asfáltico, e a LU-P-0209, da Igrexa de Bacoi a Vilar,  en dous quilómetros, ambos traballos están valorados en 52.835€. O presidente destacou que “a mellora desta vía permite unha mellor comunicación entre as parroquias de Alfoz nunha vía que se achega aos 5 metros de ancho”. Así mesmo, o persoal do Parque Móbil provincial está a levar a cabo a limpeza da vía LU-P-0208, de Rúa, en Oiras, a Pereiro.

José Tomé destacou que a Deputación de Lugo está demostrando que é unha administración fundamental para achegar e mellorar os servizos públicos dos veciños e veciñas da provincia con actuacións como as que acomete en Alfoz a través da cooperación cos concellos. 

O presidente asegurou que manter en bo estado as comunicacións por estrada “é imprescindible para favorecer a igualdade de oportunidades e o equilibrio territorial, e, polo tanto, para fixar poboación no rural. Por iso, o mantemento e a mellora da rede de estradas é unhas das nosas liñas de actuación prioritarias”.

Pola súa banda, o alcalde de Alfoz subliñou a importancia dun traballo coordinado entre as administracións e resaltou que “a Deputación demostra o seu traballo con feitos como as melloras que visitamos. En Alfoz estamos moi agradecidos polo esforzo levado a cabo, dende o Presidente ata os técnicos provinciais, que nos permiten cumprir cos compromisos que temos coa nosa veciñanza”.

0.25970220565796