Comezan os traballos de humanización da rúa do Porto, en Celeiro

AMariñaXa
O Concello celebrou unha reunión de traballo previa ao comezo das obras para a humanización da rúa, unha transformación integral que inclúe a pavimentación e renovación de todos os servizos
rua-do-porto-celeiro-Viveiro
Rúa do Porto
28 Maio 2024

O Concello de Viveiro celebrou en Celeiro unha reunión de traballo previa ao comezo das obras para a humanización da rúa do Porto, unha transformación integral que inclúe a pavimentación e renovación de todos os servizos da rúa.

Asistiron á reunión co concello representantes da empresa adxudicataria, Xestión Ambiental de Contratas, de Viaqua, Portos de Galicia, e técnicos municipais. Está previsto que comecen a chegar o material e a maquinaria para comezar as obras, que os técnicos recomendan que se realice nestes meses e antes da chegada do inverno.

“Faremos todo o posible para combinar os traballos coa actividade da hostalería e o día a día do veciños, pedindo desculpas de antemán polas molestias que as obras poidan ocasionar”, explica María Loureiro. Grazas ás xestións realizadas pola alcaldesa de Viveiro, a Deputación de Lugo aportou unha achega de 544.563,82 euros, mentres que o concello aporta 136.140,96 euros sobre un orzamento total de 680.704,78 euros.

Trátase dun proxecto que abarca unha zona moi ampla no cruce formado pola rúa Lavandeiras, a LU-P-6612 e a rúa do Porto de Celeiro, acceso principal de vehículos e peóns á fachada marítima de Celeiro. O proxecto contempla o movemento de terras e demolicións; pavimentación de beirarrúas e zonas de aparcadoiro; a reposición da rede de saneamento, pluviais, abastecemento e alumeado público; así como a canalización da electricidade, as telecomunicacións, a dotación de xardinería, mobiliario urbano e sinalización horizontal e vertical da zona.

“É unha obra imprescindible para mellorar a mobilidade e a accesibilidade dos veciños e veciñas de Celeiro. Mantendo o espírito e a esencia mariñeira tan característica da zona, levaremos a cabo unha renovación integral dunha das áreas máis dinámicas do concello, renovando os seus servizos e cumprindo as demandas veciñais”, engade Loureiro.

0.096765041351318