Comezan os actor do 50 aniversario do CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo

AMariñaXa
O CEIP Plurilingüe Gregorio Sanz, de Ribadeo, celebrará o seu 50 aniversario cun acto conmemorativo no auditorio municipal
Cartel Gregorio Sanz Ribadeo 50 aniversario
19 Xuño 2023

O CEIP Plurilingüe Gregorio Sanz, de Ribadeo, celebrará o seu 50 aniversario cun acto conmemorativo no auditorio municipal hoxe luns, 19 de xuño. Ao acto asistirñan o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez. Esta cita terá lugar a partir das cinco da tarde no auditorio municipal Hernán Naval.

O lema escollido para esta importante data é o de Educando co corazón. No auditorio ribadense para falar do Presente, pasado e futuro no Ceip Plurilingüe Gregorio Sanz intervirán, entre outros, o ex director Antonio Martínez, a actual directora, Lourdes Marqués, e un bisneto de Gregorio Sanz. Tamén tomarán a palabra o alcalde ribadense, Dani Vega,  e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. O colofón poñerao a Coral Polifónica de Ribadeo.

O Ceip Gregorio Sanz xa leva varios días celebrando o seu 50 aniversario. Agora o mesmo 19 de xuño pola mañá no Cine Teatro haberá unha actuación de Migallas Teatro, que porá en escena Brincadeiras da lingua e terá lugar un taller de maquillaxe a cargo de Óscar Aramburu. O día 20 será o día do deporte, o Ceip Gregorio Sanz organiza ese día unha sesión de zumba para 1º e 2º de Primaria. E tamén están previstas mostras de billarda e de xogos tradicionais, organizadas pola Anpa.

Durante a xornada do 21 pola mañá, e organizadas pola Anpa A Faxarda, haberá unha xincana por diferentes espazos da vila que Gregorio Sanz adoitaba a frecuentar, na que participará alumnado de 3º a 6º de Primaria. As nenas e os nenos de infantil e de 1º e 2º de Primaria participarán noutra xincana dentro das instalacións do colexio e gozarán tamén dun espazo de xogo libre con brinquedo tradicional e con material natural non estruturado, Xogando Miudiño e Terra.

Tamén o día 21 está prevista unha xornada de portas abertas de 17 a 18 horas e diversas exposicións. E a partir das 19 horas seguirán os actos do 50 aniversario, que culminarán cunha merenda-cea na pista cuberta do Ceip Plurilingüe Gregorio Sanz, onde ademais os asistentes poderán visionar fotos do pasado e do presente no centro. A nota musical da velada correrá a cargo de Tumba e Dalle e Corazones Jóvenes. Máis de 300 persoas asistirán a esta cita coa que se pecharán as celebracións do 50 aniversario e tamén o curso 2022-2023.

0.1226019859314