Comeza en Ove o arranxo das estradas das parroquias de Ribadeo

AMariñaXa
O Plan Avanza Rural destina máis de 315.000 euros a estas melloras, que se acometerán tamén en Remourelle e en Santalla de Vilausende
Dani-Vega-e-Diego-Dos-Santos
20 Ago 2024

En Ove comezan os traballos de arranxo das estradas de Ribadeo. O Plan Avanza Rural destina máis de 315.000 euros a estas melloras, que se acometerán tamén en Remourelle e en Santalla de Vilausende. O alcalde, Dani Vega, contou que comezaron cunha inversión importante “para seguir investindo nas estradas das nosas parroquias, cun orzamento superior aos 315.000 euros e vamos actuar en distintas parroquias e lugares”.

Deste xeito, empezaron na parroquia de Ove, Pastoriza, Frieira A Vella, “un tramo de 1,5 quilómetros cun orzamento superior aos 85.000 euros”. O rexedor dixo que tamén van a arranxar “un tramo desde a estrada da Deputación ata o inicio do cruce da Pastoriza, que está destrozado. Hai unha zona aí nese cruce que se inunda e o que vamos facer é arranxar todo ese tramo. Polo tanto, unha inversión importante para arranxar, investir, nunha infraestrutura que é moi transitada e necesita esa inversión”.

Actuarán ademais en Remourelle, onde van a arranxar a zona de Fornos- Pexegueiro e todo o entorno da escola. “O orzamento supera, ou practicamente chega, aos 83.000 euros. Son tramos bastante largos, que teñen un deterioro considerable. E tamén necesitamos intervir con urxencia. Non se descarta que actuemos noutras estradas en Remourelle porque hai unha necesidade de comunicación con varias explotacións. Agora vamos actuar aquí”.

O alcalde indicou que “tamén actuaremos na parroquia de Santalla de Vilausende, un orzamento bastante importante, dado que é un tramo bastante largo, que conecta desde a estrada nacional, a que vai a Vegadeo, pero comunícanos con Santalla de Vilausende, a estrada Lourido-Vilausende, cun orzamento de 147.244 euros”. O orzamento é importante, lembra. “É verdade que aquí hai que darlle certamente ancho a dúas curvas, xa que simplemente aglomerando non facemos nada, temos que reforzar todas esas curvas, e desde logo é un orzamento importante, pero era unha das estradas que estaba destrozada, é a que máis circulación ten para comunicar coa nacional, para ir a Ribadeo, e eu creo que era necesario investir”.

Dani Vega subliñou que “estamos falando dun orzamento moi superior aos 315.000 euros, e é unha actuación deste Plan Avanza Rural do que levamos xestionando moito orzamento. Nestes momentos é 100 % orzamento Xunta de Galicia. Aquí o Concello aporta moi pouquiño, onde se aporta é dende a Xunta para arranxar as estradas, as vías de comunicación das nosas parroquias”.

0.15671396255493