Comezan as tarefas de limpeza e conservación nun tramo de 13 quilómetros do río Ouro

AMariñaXa
Os traballos, que se prolongarán durante trece semanas, céntranse na retirada de árbores caídas e maleza para mellorar a circulación das augas
Obras-Conservacion-rios-Augas-Galicia-Alfoz-2025
23 Sep 2025

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, iniciou actuacións de conservación e mantemento nun tramo de preto de 13 quilómetros do río Ouro, no concello de Alfoz.

As tarefas desenvólvense na parroquia do Castro de Ouro e inclúen a retirada de árbores caídas e da biomasa acumulada no leito fluvial, co obxectivo de evitar obstrucións. O persoal encargado empregará motoserras e outras ferramentas manuais, contando tamén co apoio de maquinaria de maior tamaño, como un tractor.

Segundo informou o organismo hidráulico, xa se comunicou ao concello o inicio das obras, que se prolongarán durante unhas trece semanas. Unha vez completadas, os tramos intervidos quedarán máis despexados, favorecendo unha circulación máis fluída das augas e reducindo o risco de inundación.

Estas actuacións forman parte do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico que Augas de Galicia executa nas bacías de Galicia-Costa, así como nas súas zonas de acceso e protección. Neste caso, trátase ademais de áreas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).

O obxectivo último é mellorar as condicións naturais do ecosistema fluvial e asegurar unha correcta xestión das augas, actuando nos treitos que son competencia da Xunta e deixando á marxe os espazos de responsabilidade municipal situados en zonas urbanas.

⚙ Configurar cookies
0.089168787002563