Comezan as obras para crear un novo acceso na praia do Portelo, en Burela

AMariñaXa
O Concello de Burela dá comezo ás obras para crear un novo acceso á praia urbana do Portelo.
praia do Portelo
10 Abr 2024

O Concello de Burela dá comezo ás obras para crear un novo acceso á praia urbana do Portelo. Estes traballos serán realizados pola Dirección Xeral da Costa e o Mar, dependente da Secretaría de Estado de Medio Ambiente. A actuación comezou nos pasados días, e servirá para substituír a anterior rampla de entrada, que non cumpría a normativa de accesibilidade. Esta obra dará continuidade a outra realizada o ano pasado na mesma praia, na que se fixo tamén un novo acceso.

O concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey, indica que estes traballos, ademais “de darlle á praia un atractivo especial, posto que o acceso estará feito de madeira e quedará moi bonito, permitirán que as persoas con discapacidade fagan uso da praia sen problemas”.

As obras servirán para engadirlle aínda máis valor á praia urbana, “que é tanto un importante recurso turístico como un servizo para os veciños”, explica Fernández Rey. Dende o Concello de Burela agradecen “a implicación de Costas atendendo as demandas que lles facemos chegar”, sinala o concelleiro. “Estamos en perfecta colaboración e iso nótase, vai dando froitos o contacto constante que temos con eles”, engade.

Do mesmo xeito, Fernández Rey agradeceu tamén “a implicación do Goberno de España coas peticións e solicitudes que lles facemos dende o Concello de Burela”. Pero esta non é a única solicitude de obras. Outra delas, que “agardamos que sexa realizada antes da tempada de verán, é a do arranxo do espigón da Marosa, que está un pouquiño deteriorado por mor dos temporais”, explica.

Están a traballar en máis proxectos, e agardan poder anunciar axiña máis colaboracións desde tipo. “É o que temos que facer como concelleiros, mellorar a vida da veciñanza e dos e das visitantes de Burela”, conclúe.

0.10289478302002