Comezan as obras nas parroquias de Ove, Vilaframil, Covelas, Couxela e Santalla
O Concello acomete obras en camiños municipais das parroquias de Ove, Vilaframil, Covelas, Couxela e Santalla. O investimento, procedente de fondos propios, ascende a 32.000 euros.
O concelleiro de Medio Rural, Marcos Villamil, dixo que “neste concello tan grande que temos, e con tantas parroquias sempre hai unha chea de cousas que facer no tocante á conservación dos camiños públicos diante dos problemas que ocasionan as augas, especialmente no inverno, pois debemos acometer actuacións, ben sexan de preparación para atenuar o seu impacto, como de mellora, se o mal xa se ten feito”.
O edil ribadense explicou que “atendendo sempre ás peticións das diferentes asociacións de veciños das parroquias estamos actuando nestes días cunha serie de obras importantes en Ove, Vilaframil, Covelas, Santalla e Couxela. Aquí imos actuar en camiños, cruces, etc. E tamén no lugar de Reme de Arriba reconstruiremos a ponte da Acea que estragou unha riada hai xa varios anos”.
Villamil subliñou que “para iso, redactouse polos técnicos municipais un proxecto de 32.000 euros. Estes cartos saen dos fondos propios do Concello. As obras foron adxudicadas á empresa Gratelu SL e o prazo de execución é dun mes”.