Comezan as obras na praza de abastos de Ribadeo
A rehabilitación e reforma interior da praza de abastos de Ribadeo da comezo cun investmento da Xunta de Galicia de 40.000 euros. Trátase dunha achega da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) que ten como obxectivo a mellora dos mercados de proximidade e as súas infraestruturas.
A intervención permitirá mellorar a comodidade, accesibilidade e seguridade dos praceiros e usuarios da praza de abastos; así coma a eficiencia enerxética. As actuacións previstas inclúen a mellora do pavimento, a adecuación da iluminación interior, a mellora dos aseos, desaugadoiros, rede de saneamento e da sinalización no interior da praza de abastos.
O voceiro do grupo municipal popular de Ribadeo, Daniel Vega, incide no apoio da Xunta que “permite mellorar instalacións municipais de Ribadeo e, concretamente, dálle un impulso á praza de abastos”. Ademais, engade que “seguiremos colaborando directamente cos praceiros”, apoiando os nosos produtos de proximidade e tamén “mellorando pasiño a pasiño a nosa praza de abastos, un espazo emblemático para Ribadeo”.