Comezan as obras na LU-132 ao seu paso por Trabada cun investimento de case 91.000 euros
Comezan as obras de mellora do firme na estrada LU-132 ao seu paso polo municipio de Trabada. A intervención da Xunta de Galicia conta cun investimento de case 91.000 euros. O obxectivo é rehabilitar a capa de rodaxe nunha superficie aproximada de 4.800 m² entre os quilómetros 11 e 21+660 da vía que comunica Lourenzá e Vilafernando.
Para a execución destes traballos habilítanse carrís alternativos de circulación e sinalización provisional de desvíos cando é necesario. O voceiro popular, José María Fernández, destacou a importancia desta actuación, xa que servirá para mellorar o estado desta estrada o que tamén repercutirá nunha mellora da seguridade para os seus usuarios.
O popular destaca que mentres dende o goberno autonómico se inviste na mellora das estradas autonómicas ao seu paso por Trabada, “na Deputación seguen instalados nunha parálise que, cando menos, chama a atención”. José María Fernández recorda a situación na que se atopan as estradas LU-P- 6103 e LU-P-6104, que precisan “dunha actuación urxente”.
Trátase dunha necesidade que xa se reclamou en numerosas ocasións dende o PP de Trabado e dende o Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo debido ao seu estado e o perigo que supoñen. “Pese a todo vemos como José Tomé mira cara outro lado e seguen sen tocarse”, lamentou. A Xunta "está preto dos veciños, mentres a Deputación segue sen cumprir coas súas competencias”, rematou.