Comezan as obras dun valado innovador feito con plástico reciclado no Gregorio Sanz

As obras para renovar o peche perimetral do colexio Gregorio Sanz xa están en marcha en Ribadeo, cun investimento de 326.000 euros por parte da Xunta de Galicia. O alcalde, Dani Vega, destacou que se trata dun proxecto “singular e innovador”, único no conxunto da comunidade autónoma, e que permitirá solucionar un problema que se arrastraba desde hai anos.
O rexedor explicou que o valado actual se atopaba “totalmente deteriorado, con partes que se viñan abaixo” e que era imprescindible actuar con urxencia. Subliñou que esta intervención responde ao traballo conxunto da dirección do centro, da actual ANPA e tamén das anteriores directivas: “Grazas a ese esforzo organizado, as melloras no Gregorio Sanz foron continuas”, engadiu.
Vega lembrou que, ademais da importante remodelación realizada no edificio principal, este novo peche súmase ás diversas actuacións previstas a curto prazo. Considera que esta obra era “prioritaria para garantir a seguridade” e evitar riscos derivados do derrube do muro en distintos puntos, onde xa fora necesario instalar medidas provisionais.
Un dos aspectos máis destacados do proxecto é o material empregado: cilindros de plástico reciclado que dan lugar a un valado “sostible, respectuoso co medio ambiente e que ofrece unha segunda vida a residuos plásticos”. O alcalde definiu esta solución como “un proxecto piloto que comeza en Ribadeo e que a Consellería podería estender a outros colexios galegos”.
“O noso concello aposta pola innovación”, insistiu Vega, quen valorou positivamente que a Xunta aceptase a proposta formulada desde Ribadeo. “Son 326.000 euros destinados a un peche perimetral moderno e ecolóxico. Seguimos investindo no colexio e, en definitiva, no futuro de Ribadeo para seguir avanzando”, concluíu.