Comezan as obras de mellora do sistema de saneamento de Celeiro
Comezaron as obras de mellora do sistema de saneamento de Celeiro, en Viveiro, que suporán un investimento autonómico de máis de 3,8 M€.
Unha vez realizados os traballos previos de instalación de casetas, agora estase a avanzar no acopio da tubaxe para a nova condución de vertido, así como dos lastres, que se están a fabricar in situ.
A intervención prevé a construción dun novo bombeo e un depósito de retención, que levarán directamente as augas residuais de Celeiro cara ao novo pretratamento da depuradora de Viveiro.
Os traballos, cun prazo de 12 meses, inclúen, ademais, a mellora da condución de vertido submarino da depuradora municipal, ampliada para asumir o incremento de demanda procedente deste núcleo.
A execución comezará, primeiro, por ir soldando en terra tramos de tubaxe duns 250 metros que despois se remolcarán ata a zona de fondeo para colocalos na posición proxectada. Despois afundirase a tubaxe e unirase tramo a tramo no fondo mariño.
Máis en detalle, executarase un bombeo cun tanque de tormentas de 650 m3 de volume útil que substituirá o actual bombeo de pretratamento de Celeiro, e desde o que se impulsará a auga ata o novo pretratamento de Viveiro. Permitirá a laminación, tanto nas puntas durante o día, como nos caudais en tempo de choiva.
Así mesmo, construirase unha nova condución de sumidoiro submarino que se conectará ao actual tramo terrestre e que funcionará por gravidade a través dunha cámara de carga situada a continuación da desinfección da depuradora.
Esta nova intervención de saneamento de Celeiro súmase ás obras de ampliación da depuradora municipal, que está a ser ampliada pola Xunta para asumir o incremento de demanda procedente deste núcleo.
Deste xeito, ambas actuacións completarán o saneamento da ría de Viveiro, que supoñen un investimento conxunto da Xunta de preto de 8 millóns de euros.
Estas actuacións son cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.