Comezan as obras de mellora do firme nas rúas Corporacións Municipais e Mijail Gorbachov

Foz
AMariñaXa
O Concello de Foz anuncia restricións temporais no tráfico desde o luns para compatibilizar os traballos co acceso a servizos básicos
Foz-ruas-sinalizacion-vial
27 Apr 2025

As obras de renovación do firme nas rúas Corporacións Municipais e Mijail Gorbachov darán comezo este luns, 28 de abril, segundo confirmou o alcalde de Foz, Fran Cajoto. O pasado venres, a empresa adxudicataria —seleccionada a través dun contrato promovido pola Deputación de Lugo— instalou a sinalización informativa da actuación.

Cajoto explicou que os primeiros traballos consistirán no fresado do firme actual, seguido da extensión dunha nova capa de rodadura con aglomerado en quente. “A execución será áxil e tratarase de minimizar o impacto no tráfico”, apuntou o rexedor, que tamén adiantou que, a partir do luns, ambas rúas quedarán con sentido único en dirección ascendente cara a Burela.

Desde o Concello piden comprensión á veciñanza e ao tecido comercial polas molestias que poidan derivarse durante os días de obra. O alcalde sinalou que “o acceso tanto ao colexio do Cantel como ao centro de saúde reorganizarase: realizarase a través da rúa Mestre Lugilde, pasando pola Ferretería Bahía”.

Fran Cajoto quixo rematar facendo un chamamento á paciencia: “Sabemos que este tipo de intervencións son incómodas, pero son necesarias para manter en bo estado as nosas rúas e garantir a seguridade de todas e todos”.

⚙ Configurar cookies
0.16367292404175