Barreiros inaugura a primeira biblioteca rural en San Xusto, un proxecto que será xestionado pola Asociación veciñal
O Concello de Barreiros inaugura a primeira biblioteca rural en San Xusto, un proxecto que foi executado polo Obradoiro de Emprego e será xestionado coa colaboración da Asociación veciñal.
No acto intervirán a alcaldesa, Ana Ermida; o concelleiro de Dinamización Veciñal, Dani García; a directora do Obradoiro de Emprego Vilas Coidadoras, Ana Belén Vázquez e unha representante da Asociación veciñal da parroquia.
O acto de inauguración terá lugar coincidindo co Día das Bibliotecas, ás 11.30 no local social de San Xusto.
PROXECTO
A alcaldesa, Ana Ermida, explica que este proxecto “naceu do convencemento da necesidade de dotar os locais que existen nas parroquias de vida e de actividades que permitan á veciñanza que vive en cada lugar contar con estruturas nas que socializar e realizar actividades colectivas.” Ana Ermida sinala que “se convirte en realidade unha idea na que levamos traballando desde o inicio do mandato e cuxa posta en marcha se complicou coa pandemia e as limitacións das xuntanzas, pero que por fin vai tomando forma e iniciándose dun xeito moi ilusionante.”
O concelleiro de dinamización, Dani García, agradece ao persoal da especialidade de dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais do Obradoiro Vilas Coidadoras que traballen neste proxecto que “permitirá achegar a lectura e as actividades relacionadas aos núcleos máis afastados da biblioteca municipal, poñendo así a disposición da veciñanza o acceso á lectura dun xeito máis próximo e cómodo.”
García explicou que se puxeron en contacto coas asociacións dos distintos lugares da zona interior do concello para darlles traslado do proxecto e contrastar o interese das mesmas por acollelo e colaborar no seu desenvolvemento; xa que “a idea é que sexan as propias asociacións as que, en coordinación co Concello, xestionen despois eses espazos, dotándoos de certa autonomía que permita adaptarse ás necesidades da veciñanza.”