Comeza unha nova edición Semana do Teatro Afeccionado no Valadouro
Comeza a XXXVIII Semana do Teatro Afeccionado no Valadouro que se celebrará ata o 6 de setembro no salón de actos da Casa da Cultura do Concello do Valadouro. Todas as propostas Terán lugar ás 22.00 horas e serán de balde. Nesta edición contan con grupos de fóra e do sur da provincia de Lugo, sen esquecer a representación mariñá nin aos grupos locais.
Un dos grupos é a primeira vez que acude ó Valadouro e o resto adoitan acudir ó escenario da Casa da Cultura dentro da programación da Semana do Teatro ou mesmo en outras citas que coordina a concellería de cultura do concello do Valadouro. Para que este programa se leve adiante cóntase coa axuda Xunta de Galicia.
Programa da XXXVIII Semana do Teatro Afeccionado no Valadouro
- 31 agosto. O grupo TEATRO PEDROSO representa A Inmortal.
Despois de varios anos de duras investigacións, unha parella de prestixiosos científicos consegue por fin a ansiada fórmula da inmortalidade cuxa portadora será unha rata. O CNI intentará sabotear tan cobizado descubrimento. Claro que, hai algo co que non contaban, ese algo chámase FRANCISCA e JUANA.
- 1 setembro. O grupo humorístico Trípode estrea o seu traballo “A presa”.
Unha historia baseada en feitos e sentimientos reais:cando a modernidade destrúe a sinxeleza e a fermosura do natural, non é boa. A veciñanza de Fontefría loita contra o proxecto dun encoro descomunalque asolagará a súa aldea e asúa felicidade.
- 2 setembro o Colectivo Cultural Ollomao representa un dos seus últimos traballos: “Pan con chocolate”.
Tres “nenos” e tres “nenas” que se acaban de “retirar” reúnense para celebrar a xubilación da máis nova dos seis e, inevitablemente, recordan as cousas da súa vida, de cando, efectivamente, eran nenos e nenas. Así, pouco a pouco, van saíndo temas que a todas e todos nos resultan familiares.
- 3 setembro o grupo Pico do Castro interpreta o “Trato a cegas”.
Unha comedia en dous actos sobre un negocio
- 4 setembro o grupo de Palas Metátese Teatro escenificará “Na procura dun traballo”.
Espectáculo audiovisual que reflexiona en clave de humor sobre diversos temas de actualidade: o mundo laboral, a emigración, os medios de comunicación, …. O protagonista queda en paro aos sesenta anos….
- 5 setembro o grupo fazourense Adala Futura representará a creación propia ” Rosalía café”.
Unha rapaza de aldea decide marchar á capital para buscarse a vida montando un pub. No local terá unha clientela moi diversa e peculiar, e cada día deberá facer fronte a un sinfín de conversas sobre temas moi diferentes. Por se isto fora pouco, tamén recibirá a visita dos seus amigos da aldea. Pero… estes amigos non encaixarán moi ben na capital, polo que as risas están aseguradas!
- 6 setembro, o grupo local Os Pícaros de Lagoa actuará co seu traballo “Os Tres pés”.
Unha comedia en tres actos. Teatro de todas os estilos e vertentes para disfrutar de balde no Valadouro.