Comeza unha campaña de entrega de composteiros en Cervo
Os composteiros serán entregados a domicilio por traballadores municipais, que explicarán o seu funcionamento aos veciños e veciñas.
O Concello de Cervo inicia, de novo, unha campaña para facer entrega de composteiros a domicilio. A edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, presentou este novo plan xunto cun dos técnicos municipais encargados de repartilos.
Estes contedores serven para que os propios veciños e veciñas sexan capaces de autoxestionar os seus residuos orgánicos, conseguindo un compost ou fertilizante natural de alta calidade para a súa terra e as súas plantas, ao tempo que reducen a xeración de lixo que iría ao contedor verde, contribuíndo así á protección medioambiental.
Os composteiros poderán solicitarse desde luns, 28 de febreiro, de xeito presencial no Concello de Cervo. Serán entregados a domicilio por empregados municipais, que explicarán o seu funcionamento á veciñanza.
Tal e como recorda Méndez “comezamos a desenvolver esta campaña aló polo ano 2010 e dende o Concello –engadiu- pretendemos cubrir todo o proceso deste programa que vai dende “a entrega gratuíta dos composteiros, a formación e apoio aos usuarios na posta en marcha polos técnicos municipais do departamento, así como o posterior asesoramento e seguimento da utilización do recipiente, co fin de que a experiencia sexa gratificante en tódolos aspectos”.
A edil de medio ambiente recordou o éxito que está a ter a campaña de compostaxe doméstico, xa que a día de hoxe, “xa son máis de 200 as familias do noso Concello as que contan con este recipiente nos seus fogares e agardamos que se sigan sumando máis”.
Cabe recordar que o Concello de Cervo está incluído ademais en varios programas medioambientais como a Rede de Gobernos Locais + Biodiversidade encamiñada á promoción de políticas locais para o uso sustentable dos recursos naturais e a preservación do patrimonio natural; a Rede Española de Cidades Polo Clima co compromiso de promover a reciclaxe, a redución de desperdicios e o fomento da reutilización; e a rede Construrock, froito dun convenio asinado a finais do pasado ano co Instituto Geológico y Minero de España para promover a realización conxunta de actuacións científico-técnicas en materia de xeoloxía, pedra natural e patrimonio arquitectónico.