Comeza o programa +Saúde Barreiros para o benestar da veciñanza

AMariñaXa
O Concello de Barreiros iniciou, coincidindo co Día da Educación, as actividades enmarcadas no programa +Saúde Barreiros.
+saude barreiros presentacion programa
25 Xan 2022

O Concello de Barreiros iniciou, coincidindo co Día da Educación, as actividades enmarcadas no programa +Saúde Barreiros. A nutricionista Saray Río impartirá unha xornada de formación para o persoal municipal que participa nos comedores da Escola Municipal Infantil e do Ceip San Cosme, que desde este curso pasou a ser de xestión municipal.

Tras esta formación inicial, e con base na mesma, elaboraranse novos menús para ambos comedores municipais e ofertarase formación a alumnado, pais e nais.

Os menús que implantará Saray Río nos comedores fomentarán pratos saudables e atractivos, reducindo na dieta de nenas e nenos produtos ultraprocesados e azucres simples, tanto visibles coma ocultos. Xunto cos menús de mediodía que se servirán nos centros, achegaráselles ás familias unha proposta de ceas igualmente saudables para contribuír ao equilibro da alimentación das crianzas.

“Coa posta en marcha deste programa, pretendemos promocionar e fomentar hábitos máis saudables na poboación en xeral e, especialmente, entre as nenas e nenos, pensando no futuro e contribuíndo a crear unha sociedade máis sa”, explica a alcaldesa, Ana Ermida.

Desde o Goberno de Barreiros amosan a satisfacción pola posta en marcha deste plan de saúde e benestar, no que levan traballando un tempo co fin último de lograr que a veciñanza acade un estado o máis próximo posible á definición de saúde proposta pola OMS; entendendo que “a saúde non é soamente a ausencia de enfermidade, senón tamén o estado de benestar físico, psíquico, emocional e social da persoa ou comunidade”.

Neste sentido a concelleira de Saúde Pública e Educación , Montse Porteiro, explica que “se somos o que comemos, o máis adecuado será que a nutrición sexa un dos piares da educación, e esta terá que formar parte da formación desde as idades máis temperás , e incluír a todas as axentes educativas”.

0.21273422241211