Comeza o primeiro campamento musical, que organizan Asuembu e o Concello de Burela

AMariñaXa
A Asociación Usuarios Escola de Música  e o Concello organizan o primeiro campamento musical Asuembu 2023. Sserá do 30 de xuño ao 2 de xullo.
campamento musical burela
29 Xuño 2023

Do 30 de xuño ao 2 de xullo terá lugar en Burela o primeiro campamento musical, que organizan Asuembu e o Concello. Está dirixido a nenas e nenos a partir de 8 anos.

O concelleiro de Educación e Escola de Música, Mario Pillado, sinalou que “a parte das actividades programadas para os participantes do campamento musical, estes poderán desfrutar o sábado pola tarde do concerto do grupo Música e Memes, formado por unha parte do profesorado. Logo o domingo será a quenda do alumnado no concerto do domingo, onde poderán mostrar parte do aprendido durante a fin de semana. Este tipo de actividades cremos que son de total proveito e trasladan o noso desexo de apostar pola cultura popular”.

O venres, 30 de xuño, haberá unha recepción ao alumnado e ás familias no Ceip Virxe do Carme ás tres da tarde e despois práctica instrumental e velada. O sábado pola mañá haberá práctica instrumental, ás catro da tarde xogos e kaiak na praia urbana, ás sete o concerto do grupo Música e Memes na Cultura e logo nova velada. E xa o domingo pola tarde ás cinco está previsto un ensaio xeral dos participantes, ás sete merenda e ás oito e media concerto final e entrega de diplomas.

O edil burelés agarda que “sexa unha fin de semana intensa para todas estas pequenas músicas e músicos e que se divirtan tocando en grupo, a través de xogos e obradoiros, e facendo novas amizades”.

0.17694282531738