Comeza o plan de mellora de camiños en parroquias de Foz

Foz
AMariñaXa
 O Concello de Foz está a proceder á limpeza de cunetas e mellora de firme en Santa Cilla e San Martiño dentro do Plan de mellora de viais
arranxo caminos foz anta Cilla e San Martiño
28 Out 2022

Dentro do plan municipal de mellora de viais en parroquias e con cargo a fondos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, o Concello de Foz está a proceder á limpeza de cunetas e mellora de firme en Mourente (San Martiño) e nos barrios do Chao e A Folgosa, en Santa Cilla.

O alcalde focego, Fran Cajoto, informa do avance dos traballos: “as obras foron adxudicadas polo procedemento de contrato aberto á empresa Construcciones Cazás SL en 57.838 euros, cunha baixa dun 3 por cento. Nestes momentos estanse a realizar os traballos de limpeza de marxes e cunetas”.

O rexedor municipal explica que “se vai a proceder ao afirmado con aglomerado en quente de 570 metros de pista en Mourente, en San Martiño. Completamos con esta actuación un eixo que parte de Xinzo, en Vilaronte, e que conecta a estrada autonómica LU-152 a Ferreira coas provinciais LU-P-2001 á basílica de San Martiño e a LU-P-2009 ao Bispo Santo. Deste xeito, ademais de mellorar o acceso ás vivendas nestes viais, facilitamos un acceso cómodo e alternativo de veciñas e veciños de San Martiño e Vilaronte a Foz a través da estrada do Bispo Santo e, cando estea executado o terceiro acceso a Foz, á variante na zona da Veiga da Sara”. 

En canto aos viais en Santa Cilla, Fran Cajoto indica: “neste caso imos renovar o firme cun dobre tratamento superficial de rego asfáltico en case 1,5 quilómetros de camiños no Chao e na Folgosa. Trátase de dous viais que empregan a diario moitos veciños e que precisaban un bo arranxo”. 

O Concello de Foz informa que, unha vez rematadas as limpezas de cunetas e marxes, procederase na vindeira semana ao comezo dos traballos de afirmado se as condicións meteorolóxicas o permiten. 

0.058095932006836