Comeza o pagamento das axudas da PAC
A partir deste venres, día 10 de decembro, a Xunta, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), comezará a facer efectivo o pagamento de máis de 127 millóns de euros das achegas da Política Agraria Común (PAC) correspondentes á campaña 2021-2022. En total, serán máis de 110 millóns de euros de axudas directas e outros 17 millóns do pago de desenvolvemento rural destinado a zonas con limitacións naturais. Estes pagamentos beneficiarán, en conxunto, a máis de 25.000 agricultores e gandeiros da nosa comunidade.
En concreto, no marco das achegas directas que comezarán a aboarse este venres, inclúense 62,3 millóns de euros do pago básico, 31,8 millóns do pago verde, 7,7 millóns para vacún de leite, 3,5 millóns de euros para vacún de carne, case 2,4 millóns para pequenos agricultores e, por último, 2,2 millóns para agricultores mozos.
Canto ao pago de desenvolvemento rural correspondente a zonas con limitacións naturais, ingresaranse dende o venres 9,2 millóns ao abeiro da submedida de montaña e outros 8 millóns pola submedida de zonas distintas de montaña.
Cómpre lembrar que o Fogga xa anticipara en outubro 37 millóns de euros das liñas de vacún de leite e vacún de carne, polo que o total de cartos aboados polo organismo sumando esta segunda xeira de pagos se eleva aos 164 millóns.
Así, un ano máis, Galicia situouse entre as primeiras comunidades autónomas que pagou anticipos das axudas da Política Agraria Común (PAC), tras a realización de todas as comprobacións administrativas e dos controis obrigatorios sobre o terreo. Este organismo pagador, adscrito á Consellería do Medio Rural, efectúa o pago do 70 % da axuda total, o máximo establecido pola Comisión Europea.