Comeza o Osa do Mar co protagonismo das bandas galegas

AMariñaXa
A primeira xornada contou coa participación de Jordana B., Mondra, Grande Amore, The Rapants, Rapariga DJ, Basquiat, Yawners e Futuros Alcalde
osa-do-mar-burela-2024
7 sep 2024

O festival Osa do Mar arranca en Burela co protagonismo dunha selección de bandas galegas. O deputado de Mocidade, Daniel García, asistiu á primeira xornada de concertos do festival Osa do Mar e destacou o papel relevante que as bandas de música en galego e os artistas locais teñen no evento desde a súa creación hai dez anos. Ademais, subliñou a importancia de implicar ao tecido asociativo e cultural de Burela na organización, así como a sensibilidade da edición actual coa diversidade funcional, reflectida na súa loxística.

A primeira xornada contou coa participación de Jordana B., Mondra, Grande Amore, The Rapants, Rapariga DJ, Basquiat, Yawners e Futuros Alcalde, ofrecendo un amplo repertorio de estilos musicais. O festival está organizado pola Asociación Cultural Fanto Fantini, que recibe o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo desde a súa primeira edición. Este ano, a área de Mocidade destinou 14.000 euros para colaborar na organización do evento. Osa do Mar continúa consolidándose como un espazo clave para a promoción da música galega e a cultura local, atraendo tanto artistas emerxentes como un público diverso.

0.1939070224762