Comeza o obradoiro de emprego Tecendo Coidados, de Ribadeo e de Barreiros
Hoxe comeza o obradoiro de emprego Tecendo Coidados, no que 16 mozas e mozos de Ribadeo e de Barreiros recibirán formación durante 12 meses en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e en dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais.
A presentación tivo lugar no Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias ata onde se desprazaron a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e o alcalde de Ribadeo, Dani Vega.
O rexedor dixo que “Tecendo Coidados é o obradoiro de emprego que ten o Concello de Ribadeo xunto co de Barreiros, ao que lle quero agradecer a súa colaboración e a súa aposta polo emprego”.
Para Vega “Ribadeo é un exemplo claro do que é formar a moita xente, colaborar, asesorar e tamén xestionar a formación que necesitamos para esa busca de emprego”.
O alcalde manifestou que “os obradoiros son outra maneira de formar a moitas persoas. Durante estes doce meses mozas e mozos menores de 30 anos formaranse en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e en dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais. Son 16 persoas, as que van participar neste obradoiro, 8 por especialidade, neste caso 12 de Ribadeo e 4 de Barreiros. E o orzamento total é de 425.000 euros”.
Dani Vega subliñou que “os obxectivos son claros: mellorar a ocupabilidade, a cualificación e apostar pola inserción profesional das persoas mozas participantes neste obradoiro de emprego; educar, entreter e, incluír aos maiores de ámbolos dous concellos a través da realización de proxectos de xestión e animación cultural; e tamén apoiar e atender aos usuarios e usuarios ds residencia municipais e do Centro de Día A Misericordia baixo as directrices dos equipos interdisciplinares dos citados centros, así como poñer en marcha o proxecto Coidando ao Coidador, que pretende ser unha ferramenta de información e acompañamento dos coidadores de persoas dependentes”.
O alcalde tamén fixo fincapé na saída laboral “nun sector onde hai moita empregabilidade nas residencias municipais ou no coidado desas persoas maiores que están nas súas casas e precisan do Servizo de Axuda no Fogar. Creo que hai moita saída laboral e nós debemos estar aí traballando conxuntamente, investindo na empregabilidade e na formación, claves para o futuro dos concellos tanto de Ribadeo como de Barreiros”.