Comeza en Burela o 'Espazo das Familias', un novo foro para a educación e apoio ás familias con menores de seis anos

A Casa da Cultura de Burela acollerá esta tarde, ás 17.00 horas, a primeira xuntanza do Espazo das Familias, unha iniciativa promovida pola Asociación socio-educativa Antonio Gandoy. O obxectivo principal deste programa é proporcionar un espazo no que as familias con nenas e nenos menores de seis anos poidan reunirse con outras familias e profesionais da educación para reflexionar sobre o seu papel na crianza e intercambiar experiencias e ideas.
As sesións, abertas a todas as familias, independentemente de que os seus fillos ou fillas asistan á escola infantil, buscarán fomentar o diálogo sobre o desenvolvemento infantil e proporcionar novas ferramentas educativas. Para máis información ou inscricións, as persoas interesadas poden contactar a través do teléfono 670 143 620 ou do correo electrónico olaiacao@gmail.com.
Esta primeira reunión marca o inicio dun ciclo de actividades que teñen como finalidade apoiar ás nais e pais no proceso educativo, promovendo a reflexión e o debate sobre temas relacionados coa crianza.