Comeza Amarte Bonito, a homenaxe á Feira do Bonito de Burela
Este mediodía da comezo no porto de Burela a quinta edición do Certame Internacional de Pintura Mural Amarte que se prolongará ata o vindeiro domingo, 8 de agosto, e no que participarán finalmente oito artistas que plasmarán nese lugar as súas creacións. Como actividades paralelas terán lugar un concurso de selfies e un obradoiro de graffitis para nenas e nenos a partir de 9 anos. Amarte coincide todos os anos coa Feira do Bonito, que de novo neste 2021 non se celebrará no seu formato habitual, pero desde hoxe vinte locais hostaleiros ofrecerán tapas, menús e racións elaborados con bonito de Burela. Ao longo destes días haberá ademais concertos de Luar na Lubre, Tribu Folk e Eladio y los Seres Queridos e tamén ofrecerá actuacións o Mago Antón.
O Concello de Burela presenta Amarte Bonito, un programa de actividades paralelas ao Certame Internacional de Pintura Mural Amarte e en homenaxe á Feira do Bonito (declarada de interese turístico nacional en 2019) que terán lugar do 5 ao 8 de agosto.
Ata o sábado 7 de agosto pódese participar no Concurso de Selfies que terá un premio de 100 euros doados polo Grupo Dissolquim.
Do xoves 5 ao domingo 8 de agosto ao tempo que os artistas finalistas do V Certame Internacional de Pintura Mural Amarte plasman os seus bocetos no peirao fárase unha homenaxe á Feira do Bonito coa celebración de xornadas gastronómicas e a elaboración de saborosas tapas, racións e menús degustación do túnido nos bares e restaurantes da vila.
O venres 6 de agosto gozarase do talento do Mago Antón na praza da Mariña cun máximo de 30 persoas por función ás 12.00, 13.00, 17.00, 18.00, 19.00, 20.00, 21.00 e 22.00 horas. Ás 23.00 horas terá lugar na praza do Concello un concerto da banda coruñesa Luar na Lubre con entrada gratuíta.
O sábado 7 de agosto de 11.00 a 14.00 horas na explanada do porto o artista lucense Diego Anido, campión das batallas da Liga Nacional de Graffiti, impartirá un obradoiro infantil gratuíto desta arte urbán. Para participar haberá que inscribirse previamente chamando ao 982 581 141.
Xa pola noite, ás 23:00 horas na praza do Concello o grupo local Tribu Folk ofrecerá un concerto con entrada de balde.
O domingo 8 ás 12:45 horas tamén na praza do Concello o actor, presentador e humorista ourensán Sergio Pazos entregará os premios do V Certame Internacional de Pintura Mural Amarte e do Concurso de Selfies.
E como broche final ás 13.15 horas poderase desfrutar dun concerto da banda viguesa Eladio y los seres queridos tamén con entrada libre.
Pintura Mural Amarte
A Concellería de Cultura de Burela xa anunciou os nomes dos nove finalistas do Certame Internacional de Pintura Mural Amarte 2021, que se celebrará no peirao burelés entre os días 5 e 8 de agosto. David Catá volverá ser este ano o presidente do xurado. En total foron presentadas 58 traballos, a cifra máis alta de todas as edicións.
O concelleiro de Cultura, José Díaz, declarou que “queremos anunciar desde a Delegación de Cultura do Concello de Burela que xa temos aos nove finalistas que este ano competirán por ese primeiro premio de 1.500 euros en Amarte 2021. Para a selección dos finalistas contamos coa axuda, a cal agradecemos, de Marcos Pereiro, gañador do certame o primeiro ano; Delio Rodríguez Sés, que levou o terceiro premio ese primeiro ano; Guillermo Paz, gañador o ano pasado xunto con Diego Anido, que tamén axudou na valoración dos bosquexos presentados, e David Catá, gañador no ano 2018 do Certame de Amarte.
Os nove finalistas son: Filipe Alexandre, que é de Portugal, coa obra Tortuga; Anna Repullo de Barcelona, con Marineros; Armen Grygorov, ucraíno aínda que residente actualmente en Barcelona, con Sirena roja; Alessia Inoccenti, nacida en Chile, pero residente en Italia, con Marsinfin; Martín Cal, de Coruña, coa nosa Burela; Daniel Caro e Guillermo Torres, de Madrid, con Sueños eternos; Daniel Pedrosa, de Barcelona, con Sentimento dinámico; Tirso Paz, tamén residente en Barcelona que naceu en Lugo, con Meiga do mar; e Pablo Lage, de Lugo, coa obra Todo o que vai, volve.
“Hai estilos moi diferentes este ano que evidentemente non imos adiantar porque sempre é unha sorpresa verlles pintar e o que van facendo. Pero hai estilos desde temas máis coloristas xogando coa cor e as proporcións, mesmo co 3D, ata deseños realistas pasando por imaxes de aspecto cómic. Creo que temos un abanico dos máis variado e calquera deles podería gañar perfectamente. Sempre cando pintan, a xente opina e todos opinamos diferente. Viuse agora na selección de bosquexos que había moitos moi votados e houbo que sumar todas as puntuacións para ver quen sacaba un pouco máis para ser seleccionado”, dixo..
José Díaz engadiu que “esperemos que a situación sanitaria mantéñase máis ou menos estable e que podamos levar a cabo Amarte. Eu confío en que si porque o ano pasado, cunha situación peor quizais, puidemos facelo con seguridade e sen ningún problema, e este ano confiamos no mesmo. Non se se a parte musical, coa que queriamos acompañar Amarte e homenaxear a Feira do Bonito, vai poder desenvolver como temos previsto. É mellor esperar para poder confirmalo, pero Amarte penso que é moi posible que si se poida celebrar”.
Feira do Bonito
A Feira do Bonito terá lugar do 5 ao 8 de agosto en dezanove locais hostaleiros de Burela, que promocionarán o bonito a través de degustacións nos propios establecementos con menús, tapas, racións ou outro tipo de propostas”. Llano sinalou que “dado que este ano nos podemos facer a Feira do Bonito no seu formato tradicional esta é unha maneira moi bonita de poder promocionar tanto a pesca de Burela como esta especie en concreto”.
A feira contará con dous carteis, un anuncia todos os locais que participarán nesta cita gastronómica e outro recolle toda a programación que se desenvolverá en Burela do 5 ao 8 de agosto: o Certame Internacional de Pintura Mural Amarte, o concerto de Luar na Lubre, a actuación do Mago Antón, etc…
Alfredo Llano engadiu: “e fixémoslles entrega dun vale para que vaian retirar dúas pezas de bonito cada hostaleiro participante, que dona Absa, a quen lle agradecemos este xesto cos negocios de Burela”.
Ademais, Ledicia entregoulles aos hostaleiros un agasallo, trátase dun mandil dos que eles levan sempre na Feira do Bonito. E durante a campaña vanse sortear camisetas que tamén dona Ledicia a través das redes sociais entre todos aqueles que participen nas degustacións”.