Comeza a XXXVII Feira do Bonito e todas as súas actividades
O salón de plenos de Burela acolleu a presentación da Feira do Bonito e de Produart, que terán lugar a primeira fin de semana de agosto. Na súa intervención a alcaldesa, Carmela López, sinalou que “xa son 37 anos celebrando unha forma de pescar tradicional e sostible coa nosa Feira do Bonito e máis de 20 acompañando a mesma coa Feira Produart. Desde o ano 83, esta Feira, que na súa orixe era o sábado á tarde, cando repartía daquela a ración principal, foi medrando e á mesma se foron sumando outras actividades que hoxe presentamos e que a fan máis especial. Sentimos orgullo de pobo polos voluntarios e voluntarias que fan esta feira posible e por todas as entidades colaboradoras”.
A XXXVII Feira do Bonito de Burela terá lugar os días 5 e 6 de agosto, e tamén contarán coa Semana Bonita de Rebaixas nos establecementos asociados a Acia Burela. Haberá ademais actividades deportivas e tamén quedada de coches clásicos.
O 5 de agosto ás 13.30 horas será o pregón a cargo de David López Mon e a continuación terá lugar a tradicional degustación de bonito. A oferta gastronómica brinda dúas opcións: a tapa de salpicón por 3 euros e a ración clásica (de bonito cocido, bonito asado á grella e empanada) por 9 euros. Pola tarde terán lugar tres concertos ás 20.30 horas no recinto da Feira: Pauliña, Ruxe-Ruxe e Dj Chente.
O domingo 6 de agosto seguirán as actividades da Feira. Ás 11.30 horas terán lugar as actividades infantís a cargo de Xogando nas Nubes. Ás 13.30 horas abrirase a degustación de marmitako, acompañada nesta ocasión dunha sesión vermú cos grupos Superglú e Escuchando Elefantes. Seguidamente, será a entrega de premios do VII Concurso Internacional de Pintura Mural Amarte.
A intensa axenda de actividades rematará coa proxección do documental Morabeza, de David López Mon, na Praza do Concello, seguida de coloquio con persoas protagonistas e o autor da peza.
PREGÓN.
O encargado de dar o pregón nesta edición será David López Mon, director burelés premiado con el Premio Mestre Mateo 2023 e fundador de Kaito, unha produtora creativa especializada en contidos dixitais.
Dende a organización dixeron que pasou “de cargar racións de bonito dende ben pequeno, a cargar un Mestre Mateo”. López Mon tamén fixo o documental Morabenza, que foi presentando na feira Expomar 2023.
CARTEL.
A Sociedade Cultural Ledicia de Burela vén de resolver o concurso de carteis convocado co gallo da XXXVII Feira do Bonito que se celebrará o 5 e 6 de agosto.
Esta nova edición, contará co apoio do Concello de Burela, empresas e institucións que habitualmente colaboran para levar adiante a Feira do Bonito.
A gañadora foi Shiva Eliska Alinda Nurhakim e o seu deseño servirá para o programa de man. Dende a asociación agradecen a participación de todos.
QUEDADA.
A Asociación Autoclásicos A Mariña lucense informou que está a preparar a III Quedada de vehículos Feira do Bonito de Burela que será o 5 de agosto de 2023.
Esta nova edición contará co apoio do Concello de Burela e da Sociedade Cultural Ledicia de Burela, empresas e institucións que habitualmente colaboran para levar adiante a Feira do Bonito. Esta cita terá unha degustación de bonito do norte á grella, cocido, en empanada e en tapa de salpicón. E para participar será necesario anotarse chamando aos teléfonos 650 046 889 ou 675 945 124. O prezo da inscrición é de 15 euros por persoa.
PRODUART.
O 4, 5 e 6 de agosto celébrase unha nova edición de Produart en Burela na nave de redes do peirao burelés con entrada gratuíta. Unha feira que ten como obxectivo achegar o artesanal e sostible aos consumidores.
Trátase de dar visibilidade a produtores e comerciantes da nosa comarca e puntos cercanos cos seus produtos de calidade, innovadores e ecolóxicos.
Grazas á Fundación Expomar, os asistentes acudirán a obradoiros e conferencias así como terán acceso a actividades infantís.
Polo momento non está definido o programa para esta edición pero manterá unha liña parecida aos anteriores anos, unha disertación sobre o patrimonio da costa lucense, demostracións e obradoiros en directos.
Produart é unha plataforma de exposición comercial-feiral que tenta poñer en contacto a produtores, comerciantes e consumidores que apoien o desenvolvemento dos recursos da comarca, e doutras lindeiras, así como doutros puntos do estado español, desde a óptica da sustentabilidade e da conservación do medio.
Como feira de produtos ecolóxicos e artesanais, Produart é o fiel reflexo dos valores da sustentabilidade dos recursos pesqueiros, tradición artesanal e patrimonio cultural. Así, desde esta plataforma búscase o desenvolvemento dos sectores relacionados con outra forma de produción non agresiva: a ecolóxica e a artesanal.
Dende a organización buscan promover entre os visitantes as ideas de sustentabilidade e de respecto á contorna, servindo ademais como reclamo da actividade turística da zona, que busca a calidade e apostar por estas maneiras de vida.
TAPEO.
A terceira edición do Tapeo Bonito celebrouse na hostalería a finais deste mes de xullo. Nesta cita gastronómica participaron un total de catorce establecementos da localidade con pratos e tapas que enxalzaron esta xoia gastronómica. Veciños e visitantes puideron gozar da frescura e cualidades deste túnido, así como das dotes culinarias da hostalería burelesa, que presentaron aos seus clientes o produto con receitas tradicionais e de vangarda que potencian o seu sabor.
Nesta edición introduciuse como novidade un tren turístico gratuíto que realizou un circuíto por todos os locais participantes.
AMARTE.
ove artistas mariñáns participarán en Burela na sétima e última edición do Certame de Pintura Mural Amarte.
Trátase de Adri Pardo, Davixino, Héctor Manasé, Martín Lestao, Belén Mogo e Diego Domínguez, de Burela; Hipólito Xeada, de Alfoz; David Catá, de Viveiro; e Carlos Fonteseca, de Ribadeo.
A concelleira de Cultura, Lina Gómez, manifestou que “para rematar o muro do peirao, que mellor representación que con estes e estas artistas locais e comarcais, deixando plasmadas as súas obras e a súa arte neste museo ao aire libre que se foi creando durante estas sete edicións de Amarte”.
A edil burelesa contou que “comezarán a pintar o xoves, día 3 de agosto, e farano ata o domingo día 6; xornada no que tamén se lles outorgarán os premios. Será durante a sesión vermú da Feira do Bonito”.
Lina Gómez engadiu: “sempre hai motivos para achegarse a Burela e unha boa ocasión é vir ver a creación destas obras de arte no noso porto e disfrutar da Feira do Bonito, declarada de interese turístico nacional en 2019, e de Produart. Temos moitas actividades preparadas en Burela para esta primeira fin de semana de agosto”.