Comeza a tempada de cursos nas antigas escolas das parroquias de Alfoz
O Concello está programando actividades para realizar en todas as antigas escolas recuperadas como centros socioculturais das parroquias de Alfoz.
O obxectivo principal é dinamizar estes espazos como punto de encontro e reunión dos veciños e veciñas a través dun amplo abano de actividades: manualidades, formación en primeiros auxilios, seguridade, consumo responsable, medio ambiente,... Dirixidas á poboación adulta non só da parroquia na que se leve a cabo senón de todo o municipio, levaranse a cabo en sesións de 2 horas, en fins de semana para poder compaxinalas cos horarios laborais ou outras actividades que xa se están desenvolvendo coma as deportivas. Serán de balde e en grupos axeitados para garantir o seu éxito, podendo repetirse en caso de haber moita demanda.
O programa de dinamización das parroquias iniciouse o pasado mes de decembro na escola da Pinguela en Lagoa cun obradoiro de creación de centros navideños.
Así, os sábados 21 e 28 de xaneiro, ademais do 4 e 11 de febreiro terá lugar na escola de nenos de Adelán un curso de bordado, de 17.00 horas a 19.00 horas. Para máis información e inscricións haberá que chamar ao teléfono do Concello de Alfoz 982 558 001, pois as prazas son limitadas e cubriranse por orde de reserva.
No mes de marzo serán 2 cursos de primeiros auxilios, un na escola de Bacoi e outro na escola do Pereiro. Anunciarase o día e hora proximamente na web municipal.
Deste xeito, iránse realizando distintas propostas: elaboración de xabón, enxertos de árbores, elaboración de conservas, arranxos florais, cestería, seguridade e contraincendios, poda, informática,... ao longo de todo o ano.