Comeza a Semana do 25N contra a violencia de xénero na Subdelegación

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, lembrou durante a colocación da pancarta que anuncia a semana do 25N a importancia da concienciación e a prevención da violencia de xénero.
subdelegacion violencia de xenero pancarta
17 Nov 2023

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, lembrou durante a colocación da pancarta que anuncia a semana do 25N a importancia da concienciación e a prevención da violencia de xénero. “Un traballo que se debe realizar de xeito constante, como facemos desde a Subdelegación coas distintas campañas e accións desenvolvidas ao longo de todo o ano”, explicou xunto á xefa da unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación, María Luisa Castro.

Isabel Rodríguez afirmou que “a violencia de xénero é unha das principais cuestións de estado” e ratificou o seu compromiso e o da Subdelegación para “continuar coas iniciativas e programas que se están promovendo para distintos colectivos da sociedade en todos os concellos da provincia”.

A subdelegada tamén alegou a necesidade de cooperación entre as distintas administracións para dar unha resposta coordinada ante as violencias machistas, remarcando tamén a necesidade da prevención na educación e da concienciación social.

Campañas da Subdelegación

Rodríguez realizou un repaso das actuacións levadas a cabo dende a Subdelegación e a delegación do Goberno nesta materia, comezando a principios de ano coa organización da xornada titulada “Actuacións da Inspección de Traballo en aras da Igualdade Laboral”, impartida pola Inspectora de Traballo, Olalla Ferreiro e dirixida aos servizos sociais dos concellos e a asociacións con motivo do 8M.

Unha das principais campañas realizadas foi a da MAVI: a maleta viaxera contra a violencia de xénero, viaxando este ano aos concellos de Quiroga, Meira e Vilalba. Leváronse a cabo ademais varias campañas de sensibilización en distintos medios e lugares para o uso da App Alertcops, repartindo manuais da aplicación aos profesionais do Plan Director, para que nas súas charlas as entreguen ao alumnado.

Nos concellos, leváronse a cabo accións de difusión da estratexia estatal fronte ás violencias machistas e os recursos dispoñibles, remitíndolles folletos resumo da estratexia, carteis e unha carta indicando a páxina onde descargar a estratexia ao completo.

Os centros educativos tamén recibiron unha campaña de sensibilización a través dunha guía de actuación fronte ás violencias machistas, enviando a 213 colexios, institutos e centros de FP da provincia dúas guías e un QR para poder a súa descarga dixital, así como máis recursos de interese.

Por parte da delegación, na provincia de Lugo procedeuse con dúas accións. A primeira delas foi a presentación da Campaña No Caminas Sola nos concellos de Lourenzá e Vilalba para previr a violencia machista no Camiño de Santiago. A segunda, refírese á xornada de formación do pasado 7 de novembro dirixida ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e Policías Locais adheridos a VIOXEN, con relatorios centrados na protección das vítimas, dispositivos de control telemática de medidas e penas de afastamento.

Acto do 25N

A subdelegada avanzou na tradicional colocación da pancarta con motivo do 25N que o vindeiro 24 de novembro procederase á lectura dun manifesto e realizarase unha homenaxe ás 52 vítimas asasinadas este ano coa apertura simbólica de paraugas de cor lila.

0.156081199646