Comeza a Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón de Ribadeo
Do 11 ao 13 de outubro terá lugar en Ribadeo a XXI Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón, que foi presentada pola concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, e pola viúva do autor ribadense, Mati González. “Como cada ano lembramos ao autor ribadense Daniel Cortezón acollendo unha mostra do teatro afeccionado que se está a facer agora mesmo en Galicia”, indicou a edil ribadense.
O Grupo de Teatro de Ribadeo é o anfitrión desta cita, “que contará tamén coa participación de 57 Palabras, de Viveiro, e de Rebuldeira Teatro, de Sarria. As funcións serán no auditorio municipal ás 20.00 horas os días 11,12 e 13 de outubro (venres, sábado e domingo) e a entrada terá un prezo de 3 euros”. O venres, o grupo 57 Palabras representa dúas pequenas obras: Orde e matrimonio e Entre nosoutras. 57 Palabras é un grupo de recente creación, que xorde sobre todo coa intención de facer teatro en galego para entreter. Está formado por actrices e actores cun amplo percorrido no mundo escénico e audiovisual.
O sábado Rebuldeira Teatro representará Cita previa (Historias disparatadas nas consultas médicas). Esta formación de Sarria naceu no 2011, formado por alumnado e ex alumnado da aula de formación teatral creada no propio concello un ano antes. Na actualidade está formada por actores e actrices con idades que van desde o 28 anos ata a xubilación. Na súa andaina, chegaron a actuar por toda Galicia e mesmo fóra dela en colaboración cos Centros Galegos de Barakaldo e Barcelona.
O domingo, o Grupo de Teatro de Ribadeo porá en escena El rigor de las desdichas, do poeta nacional uruguaio nacido en Ribadeo, José Alonso Trelles, El Viejo Pancho. É unha comedia lixeira en verso arredor da relación entre o amor e o diñeiro e cuxa montaxe xa formou parte da recente homenaxe que o Concello de Ribadeo lle organizou ao autor con motivo do centenario do seu falecemento. O Grupo de Teatro de Ribadeo naceu tamén dunha aula de teatro que o Concello puxo en marcha en marzo de 2007.
Desde daquela combina as súas propias montaxes independentes coas vinculadas a eventos do Concello de Ribadeo como o Ribadeo Indiano ou o Ribadeo Ilustrado. Begoña Sanjurjo anima a acudir ao auditorio municipal a esta Mostra de Teatro Afeccionado Daniel Cortezón do 11 ao 13 de outubro: “Convídovos a todas e a todos a participar nesta mostra de teatro afeccionado o venres, sábado e domingo desta fin de semana no auditorio ás oito da tarde. Vémonos no teatro”.