Comeza a folga para reivindicar melloras nas condicións do persoal sanitario

RibeiraSacraXa | LugoXa | AMariñaXa
A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos, CESM, convocou unha folga indefinida de facultativos e persoal do Sergas
doctor medico medicina snaidade 3
11 Abr 2023

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos, CESM, convocou unha folga indefinida de facultativos e persoal do Sergas que comezou esta pasada noite ás 00.00 horas, para reivindicar melloras nas condicións do persoal como xornadas de 35 horas semanais, equiparación do prezo da hora de garda ao resto das comunidades autónomas ou a extensión do complemento específico a todos os médicos.

No HULA de Lugo houbo tres quirófanos que tiveron que suspender a súa actividade e un cento de facultativos secundou o paro. No hospital da Mariña o apoio foi maior, cunha cuarta parte dos médicos, aproximadamente, secundando a protesta. No hospital de Monforte hoxe non hai ningún profesional de folga ao coincidir co festivo local.

O Diario Oficial de Galicia publicou o luns os servizos mínimos desta folga, que inclúen unha cobertura do 100% nas urxencias, gardas médicas en hospitais; quirófanos para aqueles pacientes que necesiten unha intervención inaprazable e partos.

Tamén hai servizos mínimos do 100 % nas unidades de reanimación, ucis, diálise e áreas de tratamentos oncolóxicos, e naquelas actividades cirúrxicas respecto a patoloxías que agraven o estado de saúde dos enfermos. Na área de hospitalización será necesario un efectivo en unidades de catro ou menos profesionais, de dous en servizos de cinco a oito; de tres en unidades de nove a doce; e de catro en áreas de trece ou máis médicos.

Respecto a as consultas atenderanse aquelas que sexan consideradas como urxentes ou preferentes e as de pacientes oncolóxicos desprazados ou con citas inaprazables. Tamén se garantirá a prescrición de sangue e os medicamentos necesarios así como as probas complementarias urxentes.

No relativo á atención primaria a actividade urxente terá unha cobertura do 100%, mentres que no caso das consultas requirirase a presenza dun médico nos centros de saúde con catro ou menos, de dous naqueles que contan con entre cinco e oito facultativos, de tres en ambulatorios de nove a 12 médicos en persoal, e de catro nos máis grandes. Tamén deberá permanecer un pediatra por centro.

OUTRAS COMUNIDADES

Este luns coñecíase a decisión de CESM Canarias de convocar a súa propia folga indefinida para o 8 de maio para todo o persoal facultativo do Servizo Canario de Saúde. Segundo explicaron, tras esgotar a vía do diálogo, consideran que a "Consellería de Sanidade desatende as súas obrigacións someténdonos a salarios e complementos retributivos inferiores aos doutras comunidades (en moitas casos os peores pagos), a unha sobrecarga asistencial abusiva e perigosa, a contratos temporais en fraude de lei, a unha falta de recursos e infraestruturas adecuadas e a un trato inxusto e indigno como profesionais sanitarios ao negarse a plasmar nun acordo as melloras que precisamos con urxencia".

Os médicos de Atención Hospitalaria de Madrid non chegaron a ningún acordo tampouco tras comprobar que non existía proposta sobre o incremento da hora de garda nin complementos para solucionar o agravio retributivo, polo que se mantén a convocatoria do próximo 19 de abril.

Tamén o Sindicato Médico da Comunidade Valenciana está inmerso en diferentes mobilizacións e xornadas de folga xa que, a pesar das numerosas reunións mantidas coa Conselleria non se avanzou nas reivindicacións dos profesionais, "exclusivamente encamiñadas a mellorar as condicións tanto laborais dos compañeiros de Atención Primaria, Hospitalaria, SAMU e MIR, como asistenciais dos pacientes e, por tanto, non imos ser partícipes de supostos acordos que deixen sen resolver a grave problemática que afecta á nosa sanidade pública", como sinalan despois de que o resto de sindicatos asinasen medidas en Mesa Sectorial que non supoñen avances, a xuízo de CESM CV.

Por último, actualmente tamén existen folgas convocadas noutras comunidades como Andalucía e País Vasco, onde os representantes sindicais están a defender unha necesaria mellora das condicións laborais dos compañeiros ante a falta de medidas das distintas administracións a problemas que son comúns independentemente do territorio onde se exerza.

Folga hospital burela 2023
reivindicacions folga sergas
0.23543190956116