Comeza a Feira do Libro de Viveiro

AMariñaXa
O ciclo de Feiras do Libro chega a Viveiro, impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia
Feira-do-libro-2-viveiro
Feira do Libro de Viveiro
12 Ago 2024

O ciclo de Feiras do Libro chega a Viveiro, impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia. O encontro, que supón a décimo primeira parada no percorrido por 13 localidades ata finais deste mes, prolongarase ata o mércores 15 de agosto nos xardíns de Noriega Varela. A cita inaugurouse coa lectura do pregón a cargo da directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro. Tras isto deuse comezo á ampla programación na que se inclúen máis de 40 actividades culturais como presentacións, sinaturas de libros, espectáculos musicais ou sesións de teatro infantís.

A de Viveiro é a onceava parada do circuíto que este ano inclúe no programa 13 localidades e que se enmarca no CulturON, o amplo abano de iniciativas culturais de todos os tipos e para todos os públicos impulsado neste verán pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con máis de 30 actividades diarias. Esta feira permanecerá aberta ao público nos xardíns de Noriega Varela ata o 15 de agosto, de 12,00 a 14,00 horas e de e de 18,00 a 22,00 horas, con máis dunha vintena de autores e autoras e con 13 librarías e editoriais. O calendario das Feiras do Libro continuará durante este mes coas últimas paradas en Foz (do 16 ao 19) e rematará en Monforte de Lemos (do 21 ao 24).

O deputado de Mocidade Daniel García participou este mediodía na inauguración da cita cultural,onde explicou que a Vicepresidencia da Deputación do Lugo colabora coa Federación de Librarías na organización das feiras do libro da provincia. “Estas feiras danlle á lectura  unha visibilidade e unha dimensión colectiva que resulta moi propicia para crear e fidelizar lectoras e lectores. Ademais, supoñen unha oportunidade para coñecer novidades editoriais e  impulsar as vendas das librarías, que son fundamentais para soster unha rede cultural forte nos nosos concellos, no noso país”, destacou

A concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, destacou que a de Viveiro “é unha das feiras máis antigas de Galicia”, ademais de destacar “a honra de ter unha vez máis dúas pregoeiras mulleres, xa que fan falla moitas mulleres na cultura”. Esta feira "non sería posible sen a presenza e o traballo durante todo o ano dos libreiros e libreiras, profesionais dun sector fundamental na nosa sociedade”, engadiu.

En concreto, os establecementos e entidades participantes nesta Feira do Libro de Viveiro 2024 son: a Libraría Porta Da Vila; Libraría Cartabón; Galgo Azul; Libraría Pedreira; Libraría Lume; Libraría Uróboros; Editorial Canela-Libros Lar;
Libraría Aenea; A Gata Tola; Libraría de Rosa-Nobel Boiro; Central Librera Real; Seminario de Estudos Terra de Viveiro, e o Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo.

Dinamizar o sector libreiro

Este tipo de iniciativas impulsadas polo Goberno galego a prol da lectura buscan dinamizar o sector libreiro e tamén a dar a coñecer a ampla produción literaria da Comunidade. Cómpre destacar que en 2022 a lectura era o terceiro hábito cultural máis frecuente en Galicia, ocupando o 63, 9% da poboación, por detrás de escoitar música (88,8 %) e ver televisión (88,9 %). Cómpre destacar tamén outro dato, o da porcentaxe actual de persoas lectoras entre a poboación de 14 ou máis anos, que se sitúa no 96,9 % e alude a aquelas que len algún tipo de material, en calquera formato ou soporte, polo menos unha vez ao trimestre.

No que se refire especificamente á lectura de libros, se atendemos só a razóns de ocio, o 62,9 % dos galegos le libros no seu tempo libre (é dicir, sen contar razóns de estudo ou traballo) polo menos unha vez ao trimestre e un 52,4% un mínimo dunha vez á semana. En canto á lingua, o 61,2 % dos lectores maiores de 14 anos len en galego ben sexa de maneira habitual ou ocasionalmente.

0.19669198989868