Comeza a campaña electoral ás vogalías das confrarías galegas
Un total de 1.670 traballadores e 991 empresarios do sector do mar aspiran a ocupar algunha das vogalías das xuntas xerais da súa confraría de pescadores nas eleccións para a renovación dos órganos reitores destas entidades no conxunto de Galicia. Unha vez proclamadas as candidaturas definitivas, hoxe iníciase a campaña electoral, que se prolongará ata o 27 de outubro, día incluído, sendo o 28 de outubro a xornada de reflexión e o 29 o día das votacións.
Unha vez electos os vogais da xunta xeral, tomarán posesión dos seus cargos na sesión constitutiva, que debe celebrarse na sede da confraría no prazo máximo de cinco días desde a súa proclamación definitiva. Nese primeiro pleno da sesión constitutiva da xunta xeral iniciarase o procedemento para elixir a patroa ou patrón maior, as vicepatroas ou vicepatróns e os vogais do cabido.
Os membros da xunta xeral elixirán por maioría simple en primeira volta á patroa ou patrón maior entre os candidatos. En caso de empate, repetiranse as votacións en segunda volta e, de manterse o empate, resolverase a favor do de maior antigüidade na confraría. Se aínda así persistise o empate, resolveríase a favor do de maior idade.
No mesmo acto e xusto a continuación, a xunta xeral elixirá de entre os seus membros as vicepatroas e vicepatróns primeiro e segundo e os vogais do cabido, respectando a paridade e proporcionalidade que se estableceu para a xunta xeral.
A resolución pola que se convocan estas terceiras eleccións unificadas ás confrarías de pescadores de Galicia saíu publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 5 de setembro. De acordo coa normativa de aplicación, os comicios desenvólvense en tres fases. En primeiro lugar realízanse as eleccións nas distintas confrarías de Galicia, despois celebraranse as votacións nas tres federacións provinciais -A Coruña, Lugo e Pontevedra- e finalmente elixirase ao presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores.
Nas confrarías de San Cibrao, Ribadeo, O Vicedo, Foz e Burela non se presentou ningunha candidatura, polo tanto todos os membros do censo que cumpren os requisitos son elixibles.