Comesaña di que se vai a convocar unha praza fixa para un novo médico no centro de saúde de Ribadeo
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, trasladoulle ao voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, durante unha reunión que a Xunta convocará unha praza fixa para un novo médico para o centro de saúde de Ribadeo. O procedemento será a través dun concurso de méritos para cubrir prazas en propiedade que non fora posible cubrir.
Vega cre que “este novo paso nos debe alegrar a todos” e subliña que “levamos traballando e xestionando dende fai moito tempo na mellora da sanidade pública no noso pobo e hoxe, con este anuncio da consellería, podemos dicir que é unha realidade. Queda, tamén, acreditado que a Xunta continúa a traballar pola sanidade de todos”, engade.
O Grupo Municipal Popular sabe que “non chega con construír un novo edificio, senón que hai que dotar de médicos a Ribadeo para prestar un servizo público de calidade” e, polo tanto, “entendemos e compartimos as reivindicacións dos ribadenses”. Este compromiso contrasta coa indiferenza amosada pola esquerda local, que se negou a apoiar no Pleno do concello unha moción do Grupo Municipal Popular solicitando a inclusión desta praza na nova convocatoria do Sergas, reclamación á que agora a Xunta dá cumprimento.
Nese sentido, o portavoz explica que “estamos xestionando e traballando para que o actual centro de saúde teña bos servizos sanitarios e, nun futuro próximo, o novo centro que xestionamos con moito traballo tamén ofreza servizos sanitarios de calidade para todos os veciños de Ribadeo”.
NOVA CATEGORÍA
Ante a dificultade para a cobertura dos postos de medicina de familia, a Xunta decidiu crear, a través da Lei de medidas fiscais e administrativas para 2022, unha nova categoría de facultativo especialista de atención primaria. Os profesionais que accedan a esta nova categoría desempeñarán a súas funcións nas prazas vacantes dos centros de saúde (con cupo de pacientes propio), e tamén, seguindo o modelo actual de nomeamentos de continuidade, realizarán dúas gardas ao mes nos Puntos de Atención Continuada (PAC), sendo retribuídos de acordo ás condicións singulares da prestación.
Durante a tramitación da lei, o Grupo Popular introduciu unha emenda para facer aínda máis atractiva esta categoría e lograr que os residentes que rematen este ano a súa formación en medicina de familia opten por acollerse a ela e cubrir esas prazas: as prazas desta categoría adxudicaranse en propiedade mediante concurso de méritos, sen necesidade de exame de concurso-oposición.
Polo tanto, o profesional que acepte cubrir algunha destas prazas e asuma o compromiso de quedarse nela durante a lo menos dous anos ten garantida praza en propiedade para sempre no Servizo Galego de Saúde. PSOE e BNG votaron en contra de incorporar esta emenda do Grupo Popular e votaron en contra da Lei que crea a categoría.
Pese aos seus atrancos, a Lei aprobouse e xa está tamén aprobado o decreto de oferta de 106 prazas desta categoría, regulando ese acceso a través de concurso de méritos para poder facilitar a incorporación en prazas como a de Ribadeo das persoas que rematan este mesmo ano a residencia de medicina de familia.
Permitirase ademais inscribirse sen ter aínda o título de especialista co compromiso de achegalo a posteriori, permitindo así a inscrición dos 106 MIR de medicina de familia que rematan este ano, que poderán anotarse xa e completar a documentación unha vez rematen a súa residencia en maio.
DESIDIA DO GOBERNO DE ESPAÑA NA INCORPORACIÓN DE NOVOS MIR
O conselleiro trasladou tamén ao voceiro que a Xunta remitira en novembro de 2021 unha solicitude de acreditación de 64 novas prazas MIR para toda Galicia, entre as que se atopaba unha no PAC de Ribadeo. O Ministerio de Sanidade resolveu que a praza cumpría os requisitos, pero negouse a incluíla na convocatoria deste ano.
Vega subliña que “seguimos pedíndolle ao Goberno central que Galicia dispoña de máis prazas MIR, como xa lle pediu a Xunta. Deste xeito, Ribadeo podería dispoñer doutra praza. Por agora, o Goberno central dixo que non a un novo médico residente para o PAC de Ribadeo ata o 2023, a pesar de que a Xunta estaba disposta a financiar esa praza desde xa”.