Colonias Rueiras de Viveiro quere aumentar o número de socios

AMariñaXa
Beatriz Lage, fundadora e tesoureira da asociación, destaca a humildade coa que se iniciou o proxecto
voluntarias-colonias-rueiras-Viveiro-2024
24 Jan 2025

A Asociación Colonias Rueiras de Viveiro atópase inmersa nun proceso de captación de socios co obxectivo de reforzar a súa labor na xestión das colonias de gatos da vila. Máis aló do aspecto recadativo, o colectivo busca achegar á veciñanza os logros alcanzados durante os seus dez primeiros meses de actividade.

Beatriz Lage, fundadora e tesoureira da asociación, destaca a humildade coa que se iniciou o proxecto "o ano pasado conseguimos sumar 62 socios cunha cota de 15 euros ao ano. Grazas a esas achegas, realizamos un programa de Captura, Esterilización e Retorno (CER) extraordinario, alleo ás subvencións do Concello, que nos permitiu esterilizar 10 gatos". Este ano, a asociación aspira a aumentar a súa base social ata os 100 membros, e propón un pequeno esforzo por parte dos socios, incrementando a cota anual a 20 euros.

Lage tamén subliña os avances no plan municipal de control de colonias, no marco dun convenio de colaboración co Concello, e anuncia que a asociación está a traballar no recoñecemento como entidade de utilidade pública. Ademais, un dos obxectivos para este ano é intensificar a labor educativa, involucrando ás comunidades de veciños neste proxecto, para seguir promovendo a convivencia responsable e o benestar animal en Viveiro.

0.14338803291321