Coira e Besteiro darán unha charla na Pontenova
O IES Enrique Muruais da Pontenova organiza para o vindeiro venres 5 de maio ás 10.30 horas unha charla sobre cine e literatura que será na casa da cultura.
Así, nesta sesión os alumnos poderñan desfrutar das palabras de Pepe Coira e José Besteiro, dous amigos e artistas que ensinarán o seu saber e os seus coñecementos aos estudantes.
Jorge Coira, nado en Rábade, en 1971, comezou a ter sona na década dos noventa pola dirección de cinco curtametraxes, As xoias da señora Bianconero (1994), cun guión cómico que escribiu con Luis Tosar; Gran liquidación (1995); O Matachín (1996); e ¿A ti como se che de adeus? (1999). No ano 2000, realizou as series documentaisVida nas mareas e Chunda chunda. Un ano máis tarde dirixiu a serie de televisión Terras de Miranda e, no ano 2002, o telefilme Entre bateas. En 2003, realizou 26 episodios da serie televisiva, As leis de Celavella.
Dirixiu, en 2004, a súa primeira longametraxe O ano da carracha, pola que recibiu o premio Mestre Mateo. Dous anos máis tarde, regresou á pequena pantalla para realizar a serie musical Mundo verbena. En 2007, traballou como editor da película de Antonio Hernández El menor de los males, e como realizador de varios episodios da serie R.I.S. Científica . En 2008, comezou a dirixir Padre Casares, serie que emite na actualidade a Televisión de Galicia.
José María Besteiro, nado en Riotorto en 1963 é un xornalista e produtor galego. Licenciado en Ciencias da Comunicación, fixo un mestrado en dirección e produción de radio e televisión na Universidade de Boston. Despois de traballar como xornalista en distintos medios (Dunia, El País, El Gran Musical...), integrouse no equipo que botou a andar a cadea de televisión de pagamento Canal +. onde foi xefe de produción e director de musicais entre 1989 e 1994. En 1995 vai traballar para os Estados Unidos, nas divisións de produtos para Latinoamérica da Time Warner e de Bertelsmann.