“Coidando de min” cumpre nove anos impulsando a saúde mental e a integración das mulleres vulnerables

A Asociación Saúde Mental A Mariña volve poñer en marcha, por noveno ano consecutivo, o programa “Coidando de min”, unha iniciativa pensada para mulleres en situación de especial vulnerabilidade. Trátase dun proxecto cofinanciado pola Unión Europea e a Consellería de Política Social que busca avanzar na igualdade de oportunidades e contribuír á superación da dobre discriminación que sofren moitas mulleres por razóns de xénero e saúde mental.
A entidade destaca que o principal obxectivo do programa é fomentar que as participantes sitúen o coidado da súa saúde mental como unha prioridade, ao tempo que se potencia a súa integración social cun nivel de apoio adaptado ás necesidades e expectativas de cada muller.
Esta nova edición botou a andar no mes de febreiro e desenvolverase ata agosto. Durante estes meses, as mulleres participantes teñen acceso a atención psicolóxica individualizada, obradoiros de mellora da comunicación, actividades para identificar e desmontar estereotipos de xénero, e servizos de acompañamento e orientación formativa e laboral.
Desde a organización sinalan que se trata dun programa integral, orientado a fortalecer o benestar emocional e a autonomía persoal das usuarias. “A nosa intención é que aumenten o coñecemento sobre a enfermidade mental, coñezan ferramentas para manexar situacións difíciles, eviten recaídas e melloren a súa autoestima”, explican.
Ademais, agárdase que esta experiencia contribúa a reforzar as redes de apoio social das mulleres e a súa participación activa na comunidade. Para a asociación, este tipo de proxectos son fundamentais para promover unha sociedade máis xusta, inclusiva e consciente das barreiras que seguen a condicionar a vida de moitas mulleres.