Cogami dedica o mes de novembro aos menores con discapacidade

TerraChaXa | AMariñaXa
Cogami dedica o mes de novembro aos menores con discapacidade ara reclamar dereitos para as nenas, nenos e adolescentes con discapacidade.
Foto 2
3 Nov 2020

Cogami, a través da campaña lanzada este ano 12 Chaves da Inclusión polo seu trinta aniversario, dedica o mes de novembro para reclamar dereitos para as nenas, nenos e adolescentes con discapacidade.

En Galicia hai 7.245 menores con discapacidade con idades comprendidas entre os 0 e os 15 anos, segundo datos da Xunta de Galicia, tendo o 10% destes mobilidade reducida. No conxunto do Estado español non existen datos estatísticos globais que informen sobre a situación da infancia con discapacidade, provocando unha invisibilidade destes períodos e impedindo a súa avaliación para poder mellorar os aspectos que o precisen.

“As nenas e nenos con discapacidade viven moitas situacións discriminatorias que vulneran os seus dereitos fundamentais motivadas pola invisibilidade, pola escaseza de apoios que colaboran na súa autonomía persoal e escolarización, e tamén a causa dunha sobreprotección familiar”, expresa o presidente de Cogami, Anxo Queiruga.

Unha destas situacións discriminatorias preséntanse nos parques infantís, espazos socializadores, de xogo e diversión que, aínda que na actualidade son cada vez máis os concellos que toman conciencia de facelos inclusivos, aínda hai moitos máis que lles impiden o xogo a nenas e nenos con discapacidade.

Con respecto á etapa escolar, as e os menores con discapacidade atopan máis dificultades no exercicio do seu dereito ao estudo que engloban dende os desprazamento ata os centros educativos, falta de accesibilidade nas instalacións, escaseza de monitores e profesores de apoio e de axudas técnicas. Todas estas limitacións ocasionan que o alumnado con discapacidade teña máis dificultade para finalizar a súa etapa educativa que o que non ten discapacidade.

“Temos que traballar para que as políticas educativas sexan máis inclusivas, para que conten con máis recursos e con máis apoios para aquelas nenas e nenos que os necesiten. Temos que apoiar tanto ao alumnado para que remate a educación básica e tamén para aquel que desexe acceder a niveis superiores”, apunta Anxo Queiruga.

Cogami en colaboración con Cocenfe (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica) desenvolve dende 2016 un proxecto educativo inclusivo que pretende promover a escola inclusiva e a igualdade de oportunidades do alumnado con discapacidade, contando con máis de 1.000 persoas formadas entre escolares, profesorado e familias.

Todos estes chanzos que existen na preparación supoñen máis trabas de cara á inclusión da mocidade con discapacidade que conta con taxas superiores de desemprego ás persoas que non a teñen e, no caso de poder inserirse no mercado laboral, adoita sen en postos de baixa cualificación.

Campaña 12 Chaves da Inclusión: o movemento asociativo

Cogami continúa coa campaña 12 Chaves da Inclusión na que fala de dereitos e que neste mes de novembro dedica á infancia e xuventude, etapas tan importantes para o desenvolvemento dunha persoa e que, no caso das que teñen discapacidade, experimentan unha discriminación que se contempla dende a escaseza de apoios para a súa autonomía persoal como para a escolarización.

Co fin de conmemorar os trinta anos de traxectoria, a través das 12 Chaves da Inclusión Cogami quere sensibilizar sobre os dereitos básicos e fundamentais de todas as persoas coa difusión de 12 pezas audiovisuais que se difunden en redes sociais co hashtag #30AniversarioCOGAMI. Cada peza refírese a un dereito: a primeira foi educación inclusiva; febreiro centrouse na autonomía persoal; marzo nos dereitos das mulleres e nenas con discapacidade; abril na saúde; maio no emprego; xuño á economía social; xullo á accesibilidade; agosto ao voluntariado e setembro turismo, lecer e deporte e outubro ao movemento asociativo. Tras dedicar este mes de novembro á infancia e xuventude, decembro estará dedicado aos dereitos.

[video width="1280" height="720" mp4="https://xn--amariaxa-h3a.com/wp-content/uploads/2020/11/Novembro_-a-chave-da-infancia-e-xuventude.mp4"][/video]

0.1659951210022