Club Petanca Foz: “Queremos difundir o xogo da petanca entre a poboación”

Foz
AMariñaXa
Falamos con Carlos Molinero, que é o presidente do club focego
Cliub-petanca-Foz-2025
10 Feb 2025

Por Ana Somoza

Cando e como nace o Club Petanca de Foz? 

A finais do verán de 2022 o Concello e a Deputación acabaron a construción de dúas pistas para xogar a petanca, no parque Uxio Novoneyra. Algúns veciños empezamos a xogar e pouco a pouco fomos crecendo, ata ser oito os xogadores, e decidimos crear un club, que se formalizou o 10 de abril de 2023. Quero nomear a Pepe, que é o vicepresidente e compañeiro do Club, que sen el moitas das infraestruturas non estarían feitas.

Por que ou con que motivación xorde? 

O motivo de fundar un club foi para poder ter un seguro colectivo que nos amparase en caso dun accidente. Pero tamén o fundamos para poder gozar do xogo ao aire libre e da nosa contorna. Así temos un sitio para quedar e falar.

Que obxectivos ten? 

Pasar un intre ou unhas horas divertidas xogando e facendo un exercicio moderado, socializando cos compañeiros.  E sobre todo queremos difundir o xogo de petanca entre a poboación e gañar máis xogadores.

Quen conforma o club? 

Actualmente somos 59 socios dos que 41 son homes e 18 mulleres. Ao comezo desta aventura eramos todos xubilados, pero nestas ultimas semanas anotáronse socios de entre 40 e 50 anos.

Dende fai pouco tempo contades co terreo de xogo, non? Como é este campo? 

As dúas pistas de xogo foron inauguradas o 10 de outubro de 2022, e son pistas de 4 por 15 metros, que son as medidas oficiais para competicións nacionais e internacionais. Posteriormente en 2024 o Concello engadiu dúas pistas máis.

Existen outros clubs de petanca na comarca? 

Si, existe o Club Petanca Ribadeo que é 4 o 5 anos máis antigo que o noso.

Ademais de xogar e desfrutar do deporte, contan con outro tipo de iniciativas?

A verdade é que non. Adoitamos xogar case todos os días e dous ou tres veces ao ano reunímonos nunha merenda, comida ou cea. Un momento para confraternizar.

Participan en moitos torneos? 

Os socios que se federaron coa Federación Galega de Petanca si que participaron en preto de 20 torneos celebrados en diferentes lugares de Galicia, Leon ou Asturias durante o ano 2024.

Fan actividades ao longo do ano? 

Si, adoitamos organizar 4 ou 5 torneos entre os socios do club e un anual para xogadores de outros clubs

Teñen apoio institucional ou dalgunha entidade? 

A verdade é que non, malia estaría ben tela. Aquí tamén hai que agradecerlle a todos os compañeiros o traballo que fixeron para poder conseguir a roupa e outras cousas para o club, como falar co Concello ou patrocinios.

Que lle piden ao goberno local? 

Apoio como ata o de agora para o torneo anual Concello de Foz, tamén lles pedimos auga para manter en condicións o campo de xogo pois é de terra e se está seco pois se xoga peor. Tamén nos gustaría que nos puideran colocar un aseo preto das pistas de xogo.

 

0.17724609375