Club O Cembedo: “O bádminton é un deporte que engancha, pero tamén esixe moito a nivel físico”

AMariñaXa
O equipo de Viveiro, que se constituíu no ano 2013, é o único federado de toda a provincia de Lugo.
O Cembedo Viveiro torneo 25N 2023
12 Maio 2024

O equipo de Viveiro, que se constituíu no ano 2013, é o único federado de toda a provincia de Lugo. Seguir medrando, "seguir xogando e divertíndonos, facendo novas amizades noutros clubs e tamén nos eventos nos que participamos" atópanse entre os seus obxectivos

Por Ana Somoza

O club O Cembedo de Viveiro, o único federado de toda a provincia, leva máis dunha década apostando polo que máis lles apaixona: o bádminton. Promocionar este deporte na zona e que o colectivo “siga medrando e se faga un oco a nivel galego e nacional”, conta Jorge, un dos membros, son as súas pretensións.

Como comezou a vosa relación co bádminton?

Comezou simplemente coma un xogo ou un deporte que practicabamos un grupiño de amigos. Pero cada vez era máis complicado dispoñer de pistas axeitadas, que estaban cada vez máis solicitadas, polo que no 2013 decidimos dar un paso adiante e constituírnos como club.

Pouco a pouco fóronse dando a coñecer no panorama galego.

Ao mesmo tempo fomos coñecendo xente e creando lazos de amizade con outros clubs tanto de Galicia como de Asturias. Nun primeiro momento convidáronnos a xogar clubs como o de Cedeira, Luarca ou Riosa, que nos animaron a federarnos para poder competir de xeito oficial. Aí comezou a nosa andaina, primeiro nos torneos organizados pola Federación de Bádminton para que os clubs compitan entre si e os xogadores vaian adquirindo ranking e logo xa dun xeito imparable fomos ao noso primeiro campionato galego. Despois veu o Campionato de España, o Europeo e, por fin, o Campionato do mundo. A día de hoxe somos o único equipo federado da provincia de Lugo.

Que obxectivos manteñen?

A directiva actual está presidida por Xan Fernández, arroupado por outros membros apaixonados polo bádminton e tamén practicantes, co único afán de promocionar o bádminton na zona e de que o club siga medrando e se faga un oco no bádminton galego e nacional. Queremos seguir desfrutando deste deporte que nos apaixona, pero tamén divulgalo e compartilo con todas aquelas persoas interesadas en practicalo. E tamén seguir mellorando na nosa práctica e seguir competindo.

En que están enfocados esta tempada?

Como club queremos seguir manténdonos e, se é posible, medrar, incrementando o número de persoas socias e aumentando tamén o número de participantes en competición e así ir mellorando tamén o noso nivel competitivo. Pero como obxectivo principal queremos seguir xogando e divertíndonos, facendo novas amizades noutros clubs e tamén nos eventos nos que participamos.

Por que engancha este deporte?

Gústanos porque é un deporte moi divertido, dinámico e que engancha, pero tamén moi esixente fisicamente, como imos comprobando conforme  imos coñecendo xogadores doutros clubs. Nun principio parecía que estabamos a anos luz deles, pero a base de traballo, práctica e por suposto de competición, xa nos imos achegando ao seu nivel.

Require unha moi boa forma física.

Agora que o bádminton é máis coñecido grazas a deportistas como Carolina Marín, xa non sorprende cando falamos da súa dureza e esixencia. Non sei se a xente sabe que o volante de bádminton ten o récord de velocidade entre todos os deportes, tendo acadado unha velocidade de 493 Km/h. Evidentemente nós non chegamos a esas cifras, pero calquera que se achegue polas pistas poderá darse conta da intensidade dos golpeos, os desprazamentos,... polo que e é evidente que se precisa unha boa condición física.

Os máis pequenos tamén forman parte do club?

Non temos categorías inferiores, xa que hai unha asociación deportiva local que oferta a actividade nas idades de iniciación e formación, coa que adestran e compiten. Nós temos socios de categoría absoluta, de 16 a 30 anos), e veteranos, de 30 anos en diante.

Nestes anos foron firmando resultados que avalían o se bo nivel.

A nivel competitivo, imos acadando metas que nun principio nos parecían inalcanzables, como as nosas primeiras vitorias a nivel nacional, acompañadas das nosas primeiras medallas e por suposto a nosa participación no Campionato do Mundo.

Que necesitarían para dar un paso máis?

Ata agora recibimos a colaboración do Concello para a organización dos torneos, tanto coa cesión de instalacións como con achegas económicas, e agardamos que cara ao futuro poida seguir colaborando da mesma maneira.  Pero para poder mellorar, necesitaríamos un pequeno empuxón por parte das institucións locais, por exemplo, dotando o pavillón Antonio Tarrío dun chan en condicións. Somos un dos poucos clubs galegos que compiten en superficie de cemento, e así nolo fan notar os xogadores doutros clubs cando se achegan aos torneos que organizamos. Ultimamente estes torneos xa os podemos realizar no pavillón municipal, sobre tarima, pero á hora de adestrar seguimos facéndoo no Antonio Tarrío, cos problemas que deriva a nivel físico en forma de sobrecargas e lesións.

0.17594504356384