Club Isla Pancha: “No hóckey encontras un ambiente de amizade que non hai noutros deportes”
Lucía Blanco
O club Isla Pancha prende o gusto polo hóckey en Ribadeo. Os mariñáns encóntranse entre os tres equipos lucenses que apostan por esta práctica deportiva. “Nós somos os minoritarios dentro dos deportes minoritarios”, conta Marcos Cabanas, que se estreou na presidencia tras a renovación completa da directiva. “O club naceu sobre o 2010 e daquela só había un equipo e non houbo outro ata despois da pandemia. Este é o terceiro ano que competimos”.
A súa filla foi unha das xogadoras que deu os primeiros pasos nesta nova etapa do equipo. “Empezou sen saber patinar e foi porteira. Participamos na liga asturiana que é aínda máis pequena que a galega”. Este tempada competiron xa en dúas categorías, infantil e alevín, con 18 xogadores procedentes de Ribadeo e Trabada, pero tamén doutros puntos coma Vigo, Tapia, Castropol, Tol ou Xixón e a idea é seguir medrando.
“Agora mesmo temos 30 asociados e xente nova que comezou este curso que van a ser o seguinte proxecto porque espero formar un benxamín o ano que vén, aínda que non o metemos aínda a competir porque é unha loucura poñelos xa”. As previsión para o próximo curso son moi positivas, mentres a afección vai crecendo. “Estamos encantados. Temos a sorte de que impartimos a iniciación á patinaxe desde nenos pequenos ou patinaxe en liña e parte do equipo pescámolo de aí. Agora tamén veu xente de Asturias porque a liga de alí é máis pequena e esperamos ter máis que o ano que vén. Temos A Veiga ao lado e están interesados en vir e probar este deporte que lles chama a atención”.
Ata o momento xa organizaron algunha quedada con outros clubs. “Temos a sorte de que en Ribadeo contamos coa pista que só compartimos con fútbol e baloncesto e o Concello pórtase moi ben, porque noutros lugares comparten pista varios equipos e é máis complicado”. Xunto con Lóstregos e CHL Meigas de Lugo, son os únicos equipos da provincia, aínda que contan con moita menos historia. “Nós somos un club pequeno e non temos tanta traxectoria comparada cos de Lugo capital, que levan varias décadas e neles xa están competindo fillos dos primeiros xogadores que houbo”.
Valores da disciplina
Pero non os frea no seu obxectivo principal: “Facer que os cativos se divirtan”, sen deixar de lado os valores que difunde esta disciplina. “Queremos que aprendan que o traballo en equipo é esencial, porque este é un deporte no que poderás ter un gran xogador pero se non o acompaña un equipo que o defenda ou que o soporte cando ten que defender e atacar ao mesmo tempo estás morto”. Trátase dunha práctica moi activa na que “tes que confiar moito nos teus compañeiros en que che van a dar o pase, que te van a apoiar e que cando xa non poidas máis van aguantar o equipo e o partido”, asegura Marcos.
En cada encontro, os xogadores “saen a dalo todo en dous minutos, porque sabes que dentro da bancada están esperando a que ti sentes para saír outros catro para facer o mesmo e volver a sentar”. Pero Cabanas anima a todos aos rapaces e rapazas a probar. “Diríalles que non teñan medo, que é moito máis probable que leven un balonazo na cara que un golpe no hóckey. Levas unhas proteccións e non vai haber ningún neno que pase por aquí que vaia a mancarte, podes ter un pequeno golpe pero vas ter detrás túa 5 ou 6 compañeiros que te van defender, arroupar e que te van animar cando esteas triste porque non che saen as cousas”.
Precisamente, o presidente destaca a unión que se crea entre todos os amantes desta práctica. “Vaste encontrar un ambiente de amizade e experiencia que non hai noutros deportes. Fas moita vida social a redor disto, porque somos poucos e coñecémonos case todos. Nós temos relación con equipos da Coruña, de Ourense e de Lugo porque temos que movernos máis e ver a moita xente”.