Ramón Mariño: “Un fanzine é unha creación moi persoal e con moita imaxinación"
O xovense Ramón Mariño móstranos o universo dos fanzines e o seu percorrido desde 1990 ata o 2005 no seu libro ‘Fanzines en Galiza. Unha breve e intensa historia da autoedición galega’.
Por Ana Somoza López.
Que é un fanzine?
Basicamente é unha pequena revista de escasa tirada, feita con poucos medios por afeccionados ao cómic, á fotografía e ás artes en xeral. É unha creación moi persoal e cada quen pode facela como lle dá a gana. Pode levar soporte escrito, soporte gráfico, colaxe... pode levar todo o que lle bote a imaxinación.
O número de fanzines en Galicia é incalculable?
Si claro. Nos anos 90 houbo moitísimos fanzines, pero é que houbo en Mondoñedo, en Ribadeo..., e eu pensaba que só había dous, un que houbo en Xove e outro en Viveiro, pero resulta que contactou comigo un rapaz de Ribadeo e nos anos 90 creaba fanzines, de feito, no seu apareceu o primeiro regulamento da liga nacional de billarda de Galicia. Tamén coñecín a outra persoa de Ribadeo que estivo vinculado a este tipo de publicación e un deles chamábase ‘O Arco da Vella’, e nel publicou xente que hoxe en día ten gran peso na cultura galega. Logo para atopar fanzines polo resto de Galicia, tiven sorte, pois coñecía unha rapaza que tamén lle gustaba o tema e fixo unha pequena colección de 74, a cal me prestou para crear un pequeno catálogo. A Cidade da Cultura de Santiago conta con fondos bibliográficos, hai xente que ten moitas publicacións e o CSIC en Santiago conta cunha colección que pertencía a Carlos Martínez, que foi o editor do primeiro cómic en galego despois da República e que se chamaba ‘A Cova das Choias’.
Séguese a facer hoxe en día este tipo de publicacións?
Os fanzines nunca se deixaron de facer, o que ocorre é que segue sendo unha cuestión moi persoal, é dicir, cada quen aporta o que quere e como quere, non se mira o que pon. Ademais de que dá bastante traballo no sentido de que tes que facelo pero non ten beneficio, se acaso cobras algo para cubrir as fotocopias e pouco máis.
É e era unha maneira de darse a coñecer para os artistas?
Si, xa nos 80 había moita xente que sacaba fanzines porque era unha maneira de darse a coñecer no mundo da escrita e tamén no mundo da fotografía, pero sobre todo no mundo do deseño e do cómic.
Falemos do libro. Este naceu dunha tese, non?
Si, resulta que eu en febreiro de 2016 presentei a miña tese doutoral que se titulaba ‘Fanzines en Galicia. Época Fraga 1990-2005’ e foi a primeira tese doutoral en todo o país que trataba sobre fanzines e era un traballo, digamos, sobre a parte máis política deles, de feito, a tese presenteina na facultade de Ciencias Políticas.
Como foi a semente desa tese doutoural?
Tiven dous directores de tese, algo que parece raro, pero é bastante frecuente. Eles foron Xosé Luís Barreiro Rivas e Luis Álvarez Pousa. De feito, foi Luís Alvarez o que me propuxo o tema, pois xa observaba que me gustaba ese tipo de publicacións porque estiveramos falando varias veces sobre o tema. Ademais, eu tamén estivera envolto no mundo fanzine había anos.
Atopou problemas para comezar a investigar?
Si. O problema principal era que non había moita bibliografía daquela, estamos falando do ano 2009. Había algúns libros, pero estaban feitos por autores autodidactas e estaban bastante ben, o que sucede é que academicamente non serían moi aceptados, xa que estas persoas non tiñan titulación académica que avalasen os seus libros como traballos científicos, cousa que para min é unha parvada. Entón presentei esta tese e funlle dando corpo gracias a José Ángel Abril, nunca me cansarei de citar o seu nome. É un rapaz estremeño que fixo un Traballo Fin de Máster sobre fanzines en Estremadura. O primeiro paso foi contactar con el, o que foi tamén unha odisea, pero ao final conseguino e falamos durante tempo; e grazas a el puiden perfilar o meu traballo, como facelo e por onde tirar.
Cal foi o seguinte paso despois de presentar a tese?
Despois dun ano de presentala, pensei en que tiña que facer algo con ela no sentido de que era un bo traballo e non podía deixala nun caixón, o que me levou a falar cun par de editoriais e, ao final, a de Laiovento, de Afonso Ribas, foi a que me ofreceu máis facilidades.
Como é o libro?
Procurei que fose un libro curto e fácil de ler. Fun a tiro fixo, a explicar o que é un fanzine, explicar brevemente a súa historia e explicar os diferentes tipos que hai.
Ten en mente seguir traballando sobre este tema?
Gustaríame seguir facendo xornalismo, que é a miña vocación. Pero tamén me gustaría ampliar esta publicación. Isto é un traballo de investigación continuo. De feito, trala presentación déronme o nome de 3 ou 4 da Coruña que eu non coñecía. Hai que seguir explorando e vai levar tempo, pero se o vou facer, teño que planificalo antes, como quero facelo, por onde quero tirar e con quero falar, etc.