Club Atletismo Ribadeo: “Á Carreira Nocturna Rinlo-Ribadeo veñen participantes de Galicia, de todo o Estado e do estranxeiro”

AMariñaXa
Na competición, que celebra a súa sétima convocatoria o sábado 17 de agosto, volverán converxer deporte, cultura e a defensa polo propio
club_atletismo_ribadeo_carreira__
Carreira Nocturna Rinlo-Ribadeo
3 Aug 2024

Lucía Blanco

A Carreira Nocturna Rinlo-Ribadeo é unha das citas consolidadas no calendario do Club Atletismo Ribadeo, que leva encargándose da proba dende os seus inicios. Na competición, que celebra a súa sétima convocatoria o sábado 17 de agosto, volverán converxer deporte, cultura e a defensa polo propio. “A absoluta son 9 quilómetros e sae de Rinlo ata o concello de Ribadeo. Os nenos fana arredor do parque de San Francisco. A categoría pitufo son 60 metros; prebenxamín, 150; benxamín, 350; alevín, 600 e infantil e cadete son 2,5 quilómetros”, conta Ana María Ferradás da directiva do club.

Como botou a andar?

Levámola facendo dende os seus inicios, dende o 2007. Ultimamente faciámola en Santa Cruz pero para que a xente se puidera achegar máis, para que fora máis vistosa e máis asumible, porque no asfalto corre todo o mundo, ocorréusenos organizala dende Rinlo, que tamén é unha vila moi fermosa e con moito tirón turístico, a Ribadeo.

As distintas categorías permiten que sexa unha carreira para toda a familia.

Iso é precisamente un dos obxectivos. Queremos que sexa unha proba na que teña cabida todo o mundo, tanto para quen a fai por simplemente polo pracer de correr un pouco, como o que lle interesa facelo máis habitual, como o que vén a pasar un rato coa familia.

Como van as inscricións?

O ano pasado foron case 500, aínda que en realidade foron máis porque unha cousa é a inscrición e outros son os que rematan a proba. Este ano imos sobre os 200. As inscricións para a categoría absoluta van ben, pero dos nenos temos menos participación polo momento. Tamén moitas veces agardan cara o final.

Ano tras ano reúnen participantes de todos os puntos da comunidade.

De Galicia, de todo estado e do estranxeiro. Ao ser en agosto aquí duplicamos a poboación entón hai moita xente de fóra e de distintos puntos de España que aproveita. A maioría dos que veñen fóra da comunidade son asturianos, pero tamén hai moitos cataláns e madrileños. Nós somos un club moi participativo, imos por todo o estado español e tamén nos coñecen.

É difícil manter unha proba destas características edición tras edición? 

A nosa intención é mantela, pero unha carreira dá moito traballo e moito gasto porque hai que pagar, por exemplo, moitas taxas.

Dende o club tamén pretenden que todos os corredores se sintan campións.

Non nos queremos centrar só nos gañadores, senón que queremos que todos se sintan que son vencedores da carreira, que cando entren pola meta se sintan igual que o primeiro. Somos conscientes de que os últimos fan moito máis esforzo e pásano peor que os que chegan primeiro que teñen as calidades para facer ese tempo. Como eu lle digo sempre aos nenos, unha carreira para tres non se fai, senón vimos os de atrás non teñen protagonismo os tres primeiros.

Cal é a filosofía da carreira?

O principal obxectivo é fomentar o deporte e os valores que ten implícito e ter uns hábitos saudables. Outra peculiaridade é que non damos premios en metálico, damos produtos propios da zona. Os primeiros levan 3 quilos de percebe, os segundos levan unha cesta de produtos ecolóxicos e tamén damos vales para cear para que coñezan a nosa gastronomía. Queremos promocionar o noso produto e dar premios baseados na gastronomía, ademais de dar os trofeos.

Outra das peculiaridades é que queren vencellar o deporte coa cultura. Como o fan?

A todos os nenos dámoslles un libro de contos. Queremos que o noso evento teña moita amplitude en todos os aspectos. Porque correr non está enfrontado con ler, con defender o noso e con promocionar a nosa cultura. Intentamos recoñecer aos pícaros, sobre todo nestes momentos nos que están tan en contacto coa tecnoloxía e desde que nacen xa teñen un móbil nas mans. Ademais máis aló de agasallar cunha camiseta que é o típico, tamén damos un frontal porque como de noite por lei hai que levar luz para que non haxa desculpas.

Hai moita afección por este deporte na Mariña?

Cada vez medra máis na Mariña e en xeral. Nós por desgraza non somos o lugar no que máis hai, pero aumentou moito o afeccionado en todos os clubs. E tamén estamos a acadar éxitos a nivel federativo. Somos amateurs, pero a nosa canteira colle más forza e somos capaces de ir aos campionatos e estar como están os de arriba. Centrándonos nas porcentaxe, temos máis éxitos que algún club que está en división de honra.

Que supoñen estes resultados?

É un orgullo. Fundamentalmente a maioría somos veteranos, entón o que máis nos enorgullece é que a canteira que temos destaca moito e chegue a onde están outros con moitísimos menos medios. Somos un club popular, usamos as instalacións da vila e non temos pista nin ximnasio, adestramos nunha pista de terra de 300 metros que fixemos nós. Por exemplo, temos unha rapaza que ten 16 anos e xa foi dúas veces ao campionato absoluto galego e temos que ir con ela a Navia porque aquí non hai pista e Xove aínda nos queda máis lonxe.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17443299293518