Club A Mariña Bádminton: “Este deporte é completo a nivel físico, mental e táctico”

AMariñaXa
O club de bádminton busca consolidarse na comarca cun proxecto inclusivo e formativo que aposta polo deporte base
Club-A-Marina-Badminton-1
10 Aug 2025

Por Ana Somoza.

O bádminton gaña presenza na Mariña da man do Club A Mariña Bádminton, unha entidade recentemente creada en Ribadeo que aspira a dar a coñecer este deporte “para todas as idades” e formar unha auténtica canteira de xogadores.

UN CLUB NOVO. Nas palabras de José Ramón, presidente do Club A Mariña Bádminton, a idea de crear este colectivo deportivo en Ribadeo “xurdiu de maneira natural”. Explica que tanto el como outro compañeiro xa formaban parte doutro club e detectaron unha carencia importante na zona: “Na Mariña non existía nada relacionado co bádminton”. Foi entón cando decidiron contactar co Concello de Ribadeo. “Falamos con eles e puxémonos mans á obra co seu total apoio”, relata. Para el, contar co respaldo institucional dende o inicio resultou clave. “Sen ese apoio sería complicado levantar algo así”.

OBXECTIVOS CLAROS. O club naceu con dous obxectivos moi definidos: divulgar este deporte e consolidar un equipo competitivo. José Ramón afirma que a curto prazo buscan “dar a coñecer este deporte tan fermoso, gozar e competir a nivel galego, tanto a nivel profesional coma afeccionado”. A medio prazo, a meta é máis ambiciosa: “Elaborar un equipo de liga para competir a nivel nacional e ir ascendendo pouco a pouco”. Con todo, lembra que o camiño será longo: “Isto é un traballo a longo prazo, pero temos ilusión e medios”.

DEPORTE PARA TODOS. O presidente insiste na idea de que o bádminton “é un deporte enfocado a todas as idades”. Na actualidade, contan con xogadores que abranguen dende os 16 ata os 61 anos. “Aquí a idade non importa”, sentencia. O que realmente se valora son “as ganas de gozar”. Explica que no club existen perfís moi diferentes: “Temos xogadores que compiten en categoría nacional cun nivel importante e xogadores que están a iniciarse”. Por iso define o bádminton como “un deporte dirixido a todos”.

CAMIÑO MINORITARIO. Admite que este deporte “non move multitudes como o fútbol ou o baloncesto”, pero percibe que “a xente está a responder ben”. “Segundo se vaia coñecendo máis, seguro que se irá animando máis xente”, asegura. Recoñece que é un traballo que require paciencia: “Hai que sementar”. Para facilitar a participación, ofrecen un “marxe amplo de adestramentos”. Desta maneira, os xogadores teñen flexibilidade para acudir cando lles resulte máis cómodo.

COMPETICIÓNS EN MARCHA. O club A Mariña Bádminton non tardou en organizar eventos. “En Ribadeo fixemos a principios de ano un torneo sénior dentro do circuíto galego e en decembro teremos outro”, adianta. Tamén acolleron o campionato provincial escolar. Fóra de Ribadeo, compiten por toda España. “Cada un ao seu nivel”, puntualiza. A próxima cita será en Cedeira. “E despois do verán hai máis cousas por aí”, apunta sen concretar.

IMPORTANCIA DA BASE. O deporte base é fundamental para o club. José Ramón defende que “ademais de ser saudable, mentalmente é unha forma de quitar presión nos estudos, aprender orde, educación, disciplina...”. Está convencido de que “todos deberían practicar algún deporte desde pequenos”. Colaboran con algún colexio de Ribadeo e contan co “apoio incondicional do Concello tanto para promocionar como para crecer como club”.

INTEGRACIÓN COMARCAL. O bádminton na Mariña, di o presidente, “aínda non está integrado se o comparamos con outras zonas da provincia como Xove, Viveiro, Terra Chá ou o centro de Lugo”. Lamenta esta situación, máxime cando “no resto de provincias galegas o bádminton é un deporte de referencia”. Apunta que “a Federación Galega é unha das máis importantes a nivel nacional” e lembra que recentemente Galicia logrou “unha medalla de bronce no campionato de España de seleccións autonómicas”.

VOLUME E AXUDAS. Segundo explica, o club necesita “volume de xogadores”. A curto prazo, asegura que “todo está cuberto grazas ao apoio do Concello, da Xunta e da Deputación”. Admite que “as axudas poderían ser maiores, pero por agora as nosas necesidades están cubertas, grazas a todos eles”. As instalacións son “boas”, recalca. “Non temos nada que envexar aos grandes pavillóns nacionais, quitando os palacios de deportes”. No futuro, cando consigan sacar adiante un equipo de liga nacional, necesitarán patrocinadores: “Os gastos en fichas, dietas, desprazamentos... aumentan moito”.

VALORES FUNDAMENTAIS. A filosofía do club baséase en dous valores principais: “educación e respecto”. José Ramón di que, en segundo lugar, buscan “desfrutar dun deporte minoritario, pero completo ao máximo”. Subliña que o bádminton é “físico, mental, táctico, técnico, coordinado e áxil”. Para el, “é un dos deportes máis completos e o máis rápido dos deportes de raqueta”.

PORTAS ABERTAS. Os requisitos para unirse ao club son sinxelos: “Ganas de desfrutar, socializar e aprender a xogar a un deporte moi completo e divertido”. Os obxectivos, sinala, “cada un márcaos como queira”. Recorda que “é un deporte mixto, onde homes e mulleres xogan xuntos”. Tamén destaca a integración: “Aquí xogas con persoas con minusvalías ou deficiencias, todos imos á unha”. Considera que “os valores que existen aquí non se comparan cos doutros deportes”.

UN DEPORTE QUE ENGANCHA. José Ramón confesa que empezou no bádminton “por culpa dos meus fillos”. Agora, asegura que “é unha parte importante da miña vida”. Cada vez que vai a adestrar “esquécese dos problemas” e asegura que “desconecta e divírtese un montón”. A competición, afirma, tamén lle motiva: “Cada vez compito mellor, motívame desprazarme por toda España e coñecer xente extraordinaria”.

MIRADA AO FUTURO. O presidente do club ve o futuro con optimismo. “Estamos empezando, pero con paso firme”, di. “Co apoio institucional e das familias conseguiremos consolidar o proxecto”, engade. O obxectivo é claro: “Que o bádminton teña o espazo que merece na Mariña”.

⚙ Configurar cookies
0.44914388656616