Clemente Iglesias, elixido presidente do PP de Riotorto

TerraChaXa | AMariñaXa
Clemente Iglesias, elixido presidente do PP de Riotorto co obxectivo de “seguir mellorando a calidade de vida dos veciños”
Congreso PP Riotorto
11 sep 2022

O PP de Riotorto vén de elixir ao alcalde popular, Clemente Iglesias, como presidente da agrupación local que conta na súa executiva con outras once persoas “comprometidas co proxecto do Partido Popular para Riotorto”. Foi durante o congreso local celebrado este venres e no que participaron membros da directiva do Partido Popular da provincia de Lugo que explicaron que se trata dun “proceso de renovación orgánica que ten como obxectivo o fortalecemento da formación de cara aos novos retos electorais que darán comezo coas municipais en maio do 2023”.

Iglesias quixo recoñecer de forma simbólica o importante labor de José López Cabodevila, que foi alcalde do Partido Popular no municipio durante 24 anos, co seu nomeamento como presidente de honra da agrupación local. José Luis Lourido López e Manuel Rivas Bouza, que forman parte do actual goberno municipal de Riotorto, serán o vicepresidente e secretario do PP local que contará con oito vogais: Antonio García González, Manuel Pol Veiga, María José Portela Cancio, José Antonio Díaz Rodríguez, José Oriol Moirón Pacio, Pablo Fernández Méndez, José Cabarcos Carreira e Eliseo García Rodríguez.

A directiva provincial agradeceu o compromiso de traballo de toda a executiva local que pretende “facer todo o mellor posible para Riotorto” e subliñou o traballo diario que realizan os membros do goberno municipal “atendendo as demandas do día a día dos veciños e veciñas e deseñando políticas e proxectos en función das necesidades da sociedade actual e do futuro más próximo”. Os populares confían en que “o proxecto do Partido Popular é o mellor para Riotorto e os seus veciños” e, polo tanto, están convencidos de que os veciños lles volverán a demostrar o seu apoio nas vindeiras citas coas urnas.

Atender as demandas dos veciños

O presidente do PP comprometeuse a seguir traballando en beneficio dos veciños, escoitando as súas demandas e aplicando, dende o goberno local, as medidas ao seu alcance para mellorar a súa calidade de vida.

Para os populares é prioritario “mellorar os servizos e a atención aos veciños”. Nese sentido, Iglesias explicou que o goberno local desenvolveu distintos proxectos e ten outros previstos para mellorar os accesos a varios núcleos e tamén a rede de abastecemento e o saneamento. No seu breve repaso ás iniciativas do goberno do PP en Riotorto, Iglesias destacou a creación de novos servizos sociais -ademais do continuo reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) co obxectivo de atender a  tódolos maiores que precisen atención nos seus domicilios- coa posta en marcha de dúas casas do maior e unha casa niño. Así mesmo, tamén están a traballar pola creación dunha residencia para a terceira idade.

O popular subliñou tamén a aprobación do Plan básico municipal en materia de ordenación urbanística, a creación de novas infraestruturas deportivas ou a implantación do servizo de fibra óptica no casco urbano que se está a estender tamén ás zonas do rural. Iglesias aposta por “ofrecer actividades para a dinamización social e cultural e, ao mesmo tempo, favorecer o asociacionismo” a través da convocatoria de axudas ás asociacións.

O polígono, parado pola Deputación

Iglesias explica que “queremos o mellor para o noso pobo e con ese obxectivo traballamos a diario. Lamentablemente temos pendente un importante proxecto para o desenvolvemento económico e empresarial de Riotorto como é o do polígono industrial que se atopa parado polos atrancos do actual goberno da Deputación de Lugo”. O popular explica que “o que falta é que a Deputación saque a licitación o proxecto para a súa urbanización”.

0.10589814186096