Clemente Iglesias defendeu en Riotorto o seu proxecto de construción da residencia da terceira idade
A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, respaldou á candidata populares no concello da Pontenova, Concepción Novo, e avalou os seus proxectos en materia social.
Nas súas intervencións, a titular do citado departamento da Xunta fixo fincapé en que o Partido Popular de Galicia ten demostrado ser a forza política que máis se preocupa polo benestar das familias. Lembrou así a posta en marcha de medidas históricas como a gratuidade das escolas infantís, o reforzo na financiación do Servizo de Axuda no Fogar e a intensa colaboración co tecido social para levar por todo o territorio máis e mellores servizos de atención á discapacidade. En cada un dos concellos puxo o énfase nos proxectos estrela dos candidatos, no caso do de Riotorto na construción da residencia.
Pola súa parte, Clemente Iglesias, candidato popular a repetir na alcaldía de Riotorto, incidiu no que é o proxecto estrela dentro do seu programa electoral: conseguir a construción da residencia da terceira idade, no marco do acordo entre a Fegamp e o Consorcio Galego de Servizos Sociais. Será unha residencia con tres módulos e un total de 37 prazas, que dará emprego a 18 persoas. En materia social, o alcaldable popular inclúe no seu programa a ampliación do SAF, así como manter as vivendas comunitarias e a Casa do Maior. Igualmente, pretende achegar aos veciños os servizos de podoloxía e o de Xantar na Casa. Noutra orde de cousas, o aspirante popular mantén a súa reivindicación dun polígono industrial e comprométese a establecer axudas e incentivos para a reforma das empresas actuais. Presta especial atención a promoción dos produtos do rural do concello, así como á dotación e mellora de servizos básicos como o de abastecemento de auga, saneamento, alumeado público e accesos. Tamén anuncia mellores infraestruturas de banda ancha e o impulso de actividades deportivas e culturais.
Polo seu lado, o coordinador xeral do PP lucense, José Manuel Balseiro, manifestou: “Dende que en 2015 accedeu á alcaldía Clemente Iglesias, Riotorto experimentou unha profunda transformación en positivo, porque gañou servizos e infraestruturas. O que queremos é seguir nesa liña para manter o esplendor que conseguiu o concello nestes anos, para beneficio dos seus veciños e veciñas”.
As intervencións do deputado Jaime de Olano nos dous mitins tiveron alcance nacional. Por un lado, afirmou que “hai que cambiar a mala política pola boa política e, para conseguir iso, hai que empezar polos concellos”. Outro perfil da súas intervencións estivo centrado en deixar claro que “a provincia de Lugo non lle debe nada a Pedro Sánchez nin aos seus socios”.