Clausúrase o belén da igrexa de San Miguel da Rigueira tras un Nadal de gran afluencia

O belén instalado, como cada Nadal, nunha nave lateral da igrexa de San Miguel da Rigueira, no concello de Xove, pechou as súas portas este domingo tras permanecer aberto ao público durante varias semanas. Ao longo destas datas, foron moitas as persoas que se achegaron ata a Rigueira para contemplar unha montaxe que se converteu xa nun referente do Nadal na zona.
Veciños e veciñas de Xove, así como visitantes procedentes de concellos próximos, acudiron ao santuario para coñecer de primeira man este belén, elaborado con paciencia e dedicación por voluntarios e colaboradores da igrexa. Trátase dun traballo totalmente desinteresado, pensado para o goce da veciñanza e para manter viva unha tradición fondamente arraigada nestas datas.
A instalación, que leva varios anos colocándose no interior do templo, foi modificando a súa localización co paso do tempo. Nos seus inicios situábase ao fondo da igrexa, mentres que nos últimos anos pasou a ocupar unha nave lateral, unha decisión que permite unha mellor visualización do conxunto e un maior aproveitamento do espazo dispoñible.
O belén ocupa unha superficie aproximada de 40 metros cadrados e inclúe figuras propias dos beléns tradicionais, con representación das principais personaxes da época e dunha ampla variedade de oficios. Un dos seus elementos máis destacados é o realismo da montaxe, xa que conta con figuras en movemento, efectos sonoros de auga e paxaros, así como un sistema de iluminación que recrea o paso do día á noite e o posterior amencer.
Desde a organización quixeron agradecer expresamente a visita de todas as persoas e asociacións que se achegaron ata a Rigueira durante estas semanas e que souberon valorar o esforzo realizado. Do mesmo xeito, tiveron unha lembranza especial para aqueles colaboradores voluntarios que participaron ao longo dos anos e que xa non están presentes.
Os responsables do belén expresaron, por último, o seu desexo de poder mellorar e ampliar a instalación no vindeiro Nadal, co obxectivo de seguir ofrecendo un espazo de encontro, tradición e ilusión para toda a comunidade.