Clausurado o obradoiro de memoria de Cervo ao que asistiron 34 veciños

TerraChaXa | AMariñaXa
24 Jun 2019

O Concello de Cervo vén de clausurar unha nova edición do taller de memoria programado pola delegación de Servizos Sociais, que se impartiu nos locais sociais das diferentes parroquias do municipio.
O alcalde Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, participaron no acto de entrega de diplomas ás 34 persoas asistentes ao taller que se impartiu entre outubro e xuño.
Villares destacou que “o taller de memoria cumpre xa doce edicións no noso Concello polo que é unha actividade máis que consolidada dentro da programación lúdico-educativa que deseñamos para os nosos maiores; tentando ofrecerlles todas as ferramentas que están ao noso alcance para estimular e dinamizar o seu día a día, ao tempo que traballan e exercitan esa facultade tan importante que temos, como é a memoria”.
O rexedor quixo dar as grazas á edil Pilar Armada, e tamén a Elisabet Peña, que é a técnico encargada de desprazarse polos diferentes locais sociais impartindo eses obradoiros; e que tanto tempo lle adica aos nosos maiores.
Armada apuntou “que se trata de espazos de aprendizaxe nos que proporcionamos estratexias que melloran a capacidade memorística, cun enfoque preventivo para coidar esa capacidade tan básica para o mantemento da nosa calidade de vida; nos que as persoas usuarias potencian, ademais, as relación interpersoais”.
A edil e o rexedor emprazáronnos a participar na vindeira edición do taller de memoria que arrincará en novembro, agardando, así mesmo, que se sumen á actividade aqueles veciños que aínda non o fixeron.

0.13291692733765