Clausurado o obradoiro de emprego Terras do Ouro en Foz
Coa entrega de diplomas aos participantes foi clausurado no Cenima de Foz o obradoiro de emprego Terras do Ouro que estivo dedicado a actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.
Ao acto de entrega dos diplomas e certificados acreditativos do obradoiro acudiron os alcaldes do Valadouro; Edmundo Maseda; de Alfoz, Jorge Val; e de Foz, Fran Cajoto; o concelleiro de Turismo focego, Chema Linares; o edil Javier Castiñeira e o delegado territorial da Xunta de Galicia, Javier Arias.
Os alcaldes destacaron “o compromiso co emprego dos concellos e a boa resposta do alumnado, acción que continuará cun novo obradoiro de xardinería, que se iniciará no mes de setembro e do que nun breve prazo comezará o período de selección”.
O rexedor municipal de Foz engadiu: “formamos persoas e ofrecemos unha perspectiva laboral aos nosos veciños. Invitamos a todo aquel interesado a presentarse ao novo obradoiro de xardinería, que terá unha duración de 12 meses. Estamos moi satisfeitos co resultado".
Durante un período de nove meses, comprendido entre o 15 de outubro de 2021 e o 14 de xullo de 2022, no obradoiro de emprego Terras do Ouro recibiron formación e experiencia profesional 20 alumnos e alumnas, na especialidade de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. O alumnado alternou a formación teórico práctica propia da especialidade con traballos de mantemento de camiños forestais e de limpeza e plantación de frondosas e coníferas autóctonas en terreos forestais pertencentes ós tres concellos, adquirindo así unha formación e experiencia profesional que facilita o acceso ó mercado laboral de vinte persoas nun sector como é o forestal, cunha gran puxanza na zona.