Clausura do programa Burela IN o 27 de setembro na casa da cultura
A iniciativa, que contou coa colaboración de entidades sociais, sector pesqueiro e concello, realizou distintos traballos de inclusión, artísticos e de concienciación ao longo de dúas anualidades.
O Concello de Burela, a través da Delegación do Mar e Servizos Sociais, convida a toda a veciñanza a participar da xornada de clausura do proxecto Burela IN, que terá lugar o día 27 de setembro en horario de tarde na Casa da Cultura. Unha iniciativa que promoveu a economía circular mediante a colaboración de entidades de inclusión social, sector pesqueiro e Concello de Burela ao longo de dúas anualidades.
Nesta xornada final serán as entidades participantes as que teñan o papel protagonista, “finalizando o Burela IN como se merece, poñendo en valor todas accións postas en marcha e a contribución imprescindible de todas as persoas e entidades participantes”, asegurou a concelleira do Mar e Servizos Sociais, Carmela López.
Neste senso, farase unha recepción no espazo habilitado para a exposición de produtos elaborados polas entidades de inclusión social. A continuación, ás 18 horas, o alcalde de Burela, Alfredo Llano, dará a benvida aos asistentes, acompañado de Verónica Díaz, do Galp A Mariña-Ortegal e outras autoridades pendentes de confirmación.
Continuarase cunha mesa redonda coa presenza de representantes do propio concello, entidades de inclusión social participantes, A Mariña Sen Plástico e Redeiras Cabo Burela. Proxectarase o vídeo do Burela IN e, para finalizar a xornada, realizarase unha visita á exposición coordinada por A Mariña Sen Plástico, e tamén á obra dos artistas locais Belén Mogo e Martín Lestao, situada na contorna do porto de Burela, ámbalas dúas obras integradas no proxecto.
Segundo subliñou a concelleira do Mar e Servizos Sociais, Carmela López, “estamos moi orgullosos de todo o traballo realizado, e agradecidos a todas as entidades que colaboraron, á Fundación Eu Son, á Asociación Saúde Mental A Mariña, a Afan, A Mariña Sen Plástico, ás Redeiras Cabo Burela, ao Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo, á Asociación Tá en Artes, a Neira Brochs, á Confraría de Pescadores, á Fundación Expomar, aos artistas locais Belén Mogo e Martín Lestao, e por suposto ao Galp Mariña-Ortegal”. Todas as accións realizadas estiveron encamiñadas a “favorecer o traballo en rede e a integración social a nivel municipal”, explicou López, co fin de “deseñar accións nas que se aproveitaran os recursos e refugallos derivados das actividades do mar e pesqueiras dándolles unha segunda vida, e concienciar tamén á sociedade da necesidade de respectar o medio ambiente mariño e costeiro”.
Actividades do proxecto Burela IN
Ao longo das dúas últimas anualidades o proxecto Burela IN foi medrando e promovendo distintas actividades coa implicación do tecido asociativo e pesqueiro.
No ano 2021 puxéronse en práctica obradoiros coa colaboración do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación provincial a través da deseñadora galega Raquel Sousa, encargada de impartir formación a monitores/as e usuarios/as da Fundación Eu Son e da Asociación Saúde Mental a Mariña para o deseño de novos produtos que enriqueceron os seus obradoiros de traballo.
Tamén se realizaron recollidas de lixo en varias praias da Mariña da man de A Mariña Sen Plástico e coa participación das entidades sociais.
A comezos deste ano 2022, o proxecto continuou avanzando coa publicación das bases reguladoras do concurso para a creación dun mural sobre a antiga conserveira, situado na entrada do porto de Burela. Para iso, foi preciso rehabilitar este muro cedido pola Confraría de pescadores. Paralelamente, promoveuse unha xornada para artistas neste lugar, na antiga fábrica de gres e xunto coas redeiras Cabo Burela, onde se puideron ver os distintos materiais para empregar nesta futura creación. Finalmente, o boceto dos artistas locais Belén Mogo e Martín Lestao foi o seleccionado.
Os gañadores do Burela IN realizaron coa colaboración das entidades de inclusión social da vila o mural nomeado “Burela, o mar e as súas xentes” con pezas da antiga fábrica de Gres, unha homenaxe ás mulleres do mar sobre os mesmos restos da antiga conserveira: peixeiras, redeiras e conserveiras representando o seu imprescindible papel no desenvolvemento da Burela industrial vinculada ao mar. Tradición, vangarda, arte, inclusión, cultura, mar, pesca e cerámica.
Polo tanto, nesta segunda anualidade do proxecto Burela IN establecéronse dúas liñas de traballo, por unha banda a rehabilitación do muro da antiga conserveira e a creación do mural, e por outra, unha mostra itinerante coordinada por A Mariña Sen Plástico. Nesta última acción, colaboraron Afan, Fundación Eu Son e Asociación Saúde Mental A Mariña, coa selección e clasificación dos distintos materiais e a elaboración dos paneis. A mostra, que poderá verse na xornada final do proxecto, ten como obxectivo unha aprendizaxe social sobre os distintos tipos de lixo, a súa procedencia e concienciar sobre a grave problemática de que rematen no mar.