Clausura do obradoiro de emprego 'Sendas de Burela, Cervo e Xove'

TerraChaXa | AMariñaXa
24 Jul 2019

O Concello de Cervo acolleu a clausura e entrega de diplomas do obradoiro de Emprego 'Sendas de Burela, Cervo e Xove V', que se prolongou durante 9 meses e cuxa entidade promotora foi, neste caso, a administración cervense, coa asociación dos concellos veciños.
O acto tivo lugar na Casa do Mar de San Cibrao e contou coa participación do rexedor cervense, Alfonso Villares, o delegado da Xunta, José Manuel Balseiro e os alcaldes de Xove e Burela, Demetrio Salgueiro e Alfredo Llano, respectivamente; ademais do edil de Formación e Emprego, David Rodríguez, e da concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez.
Tal e como xa se precisou, o Concello de Cervo promoveu neste ocasión este taller compartido subvencionado pola Xunta de Galicia cunha aportación de 288.807 euros, no que se formaron, en total, 20 persoas desempregadas -7 alumnos en Cervo e 7 en Burela, que se formaron en actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería e mantemento de zonas verdes; e 6 en Xove que recibiron nocións sobre operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción.
Villares quixo poñer en valor o gran traballo levado a cabo tanto polo alumnado como polos monitores e “a súa gran contribución na mellora e acondicionamento das nosas zonas verdes, dos nosos espazos públicos”.
O rexedor recordou que os traballos centráronse fundamentalmente no acondicionamento da fonte do parque Reina Sofía, na contorna da Escola Infantil Municipal, dos exteriores das Escolas Vellas de Cervo e do Conxunto Histórico de Sargadelos; ademais da creación dunha composición ornamental na contorna da Capela de San Ciprián, no Porto de Arriba, e diferentes traballos de roza, poda ou plantación de especies de tempada.
Villares destacou a importancia que ten neste caso a colaboración institucional que “nos permite impulsar, grazas á inversión da Xunta de Galicia, este tipo de programas que contribúen enormemente a mellorar a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación teórico-práctica de calidade da man de profesionais cualificados”.
Un curso –engadiu-, “que lles permitiu reforzar os seus coñecementos, e adquirir novas competencias nun oficio que ten proxección práctica na nosa zona; unha formación que pode impulsar tamén o emprendemento ao facilitarlles as ferramentas coas que poderían iniciar os seus propios proxectos”.
Ademais de favorecer a inserción laboral os participantes fan un importantísimo labor nos nosos termos municipais, tal e como puidemos constatar durante todos estes meses “xa que desenvolven diferentes tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas; das que toda a veciñanza pode desfrutar”.
 
 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17829489707947